Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Lucía Pérez sopra soles polos seus quince anos de carreira con 'Quince soles'
Lucía Pérez sopra soles polos seus quince anos de carreira con 'Quince soles'
maio 11, 2018
Lucía Pérez presenta hoxe o seu novo disco coincidindo en vésperas coa celebración do festival Eurovisión no que ela participou en 2011. A artista do Incio saca hoxe o seu sétimo traballo Quince soles (Autoeditado) un traballo con quince temas para celebrar quince anos no mundo da música no que estes "soles" tomán o relevo das tradicionais candeas de aniversario. Pérez tira de axenda neste disco e conta con numerosas e importantes colaboracións para desenvolver este álbum no que todas as cancións cántanse en galego, incluso a as que comparte con artistas non galegos como Chenoa ou Chema Purón. Tonhito de Poi, Susana Seivane, Emilio Rúa, Rosa Cedrón, Sito Sedes, Xabier Díaz e Vizcaíno súmanse a esta celebración musical poñendo tamén as súas voces en diferentes temas. O repertorio tradicional, arranxado, ten un importante peso pero tamén hai composicións de Purón, Tonhito de Poi, Uxía Senlle ou, como no caso de Moraima, interpretada con Sito Sedes, é un tema composto por Jesús Vaamonde e Miguel Ángel Campos sobre un poema de Celso Emilio Ferreiro. Estes Quince soles, que tamén presentan unha rica variedade tonal, configuran una celebración moi especial da artista na que como sempre achega unha visión positiva e amorosa cara á súa terra e orixes e ademais amosando a súa calidade artística e sensibilidade. O lanzamento hoxe do disco acompáñase da presentación do primeiro videoclip e sinxelo Tocando enfrente. O disco xa está en plataformas como Spotify.
Tamén che pode interesar:
- 11/ 7/ 2018 | Pablo Díaz continúa a súa carreira na música infantil e lanza Coas miñas mans
- 24/ 2/ 2015 | Forraje fecha a súa carreira con Quince duchas de agua helada
- 14/ 7/ 2014 | Lucía Pérez volta con Quitapenas
- 28/ 5/ 2009 | Quince anos fiando
- 14/ 6/ 2005 | Os Diplomáticos emprenden a súa xira de despedida logo de quince anos de actividade