Entre Lume e Vendetta
xaneiro 15, 2018
Tras un repaso polas listas máis coñecidas e prestixiosas dos medios españois especializados en música para comprobar a presencia e posición acadadas polas producións discográficas galegas do 2017 os discos Lume (Matapadre), de Bala e Vendetta (Music Bus), o álbum de debut de Presumido, resultan ser os máis recoñecidos pola crítica. Ata outras sete referencias da escena musical galega, como os traballos de Xoél López ou B Flecha entre outros, conseguen entrar nos diferentes listados consultados de once medios impresos, dixitais e radiofónicos.
O dúo de rock alternativo Bala, foi un dos máis temperás en presentar o seu disco Lume en febrero de 2017. Este traballo de Violeta Mosquera (batería e voces) e Anxela Baltar (guitarra e voces) é merecedor para revista Mondosonoro do posto 14 entre os 40 mellores discos nacionais e para a revista Rockdelux está no 39 entre os 45 álbumes españois que destaca. No medio (10) da súa lista de 20 discos nacionais as coloca o magazine Hipersónica e finalmente o blog especializado El Quinto Beatle pon Lume nun meritorio 19º posto entre os que considera os 25 mellores discos nacionais, a pouca distancia (21) do disco Vendetta de pop electrónico do tamén dúo Presumido. Este álbum de Tarci Ávila e Nacho Dafonte inclúese tamén no mesmo blog na lista dos 25 mellores discos de debut (indistinta para discos nacionais e internacionais) na posición 14ª. A banda coruñesa Fogbound tamén aparece nese mesmo listado de debuts co seu disco homónimo nun importante sétimo posto mentres que na lista nacional sitúase como primeira referencia galega na 18ª posición.
No magazine dixital Ultrasónica, do xornalista Xavier Valiño, Vendetta acada tamén unha privilexiada posición, a sétima, entre os 25 mellores disco nacionais do 2017, lista na que tamén hai sitio para o recente lanzamento de Eladio y los Seres Queridos Historias de caza (Autoeditado) no posto oitavo para o disco de Xoel López Sueños y Pan (Esmerarte) no décimo lugar do listado. O novo de Xoel acada un importante quinto posto para a revista EfeEme entre os 20 discos nacionais a destacar do pasado ano e na metade (posto 26) da súa lista de 50 mellores referencias estatais o coloca do Dod Magazine. Tres productos musicais galegos desta colleita anual son os que elixiu o blog de Colectivo de raro propósito para destacar sen ordeación xerárquica entre os 20 discos do ano: os recentes discos Incoming Noise (Dotbeat) das roqueiras do Barbanza Agoraphobia e o sexto LP dos veteráns Igloo, Aquellos maravillosos daños (La Alianza Rebelde Producciones); a selección complétase con ese brillante Vendetta de Presumido aparecendo tamén destacado para o Colectivo.
BFlecha, o proxecto da músico e produtora viguesa Belén Vidal, abríu este ano o festival Sónar coa súa actuación no espazo Sónar Village presentando o seu segundo traballo de longa duración, o experimento sonoro Kwalia editado co selo do colectivo Arkestra do que forma parte. Este traballo tamén acadou importante repercusión para os medios especializados. A revista Rockdelux clasifícao como "R&B Metafísico" e outórgalle a posición trixésima entre o seu top de 45 discos nacionais e inclúe a súa canción Rutas circulares na lista de 25 mellores temas do Estado no 2017 no posto 15. O xornal catalán El Períodico, cuxas seleccións anuais tamén son prestixiosas, pon o rompedor disco de BFlecha no sétimo lugar da súa proposta de 10 mellores discos nacionais. Outra revista de recoñecido prestixio na escena musical moderna, a veterana Ruta 66, dalle presenza a outra referencia galega o Vol. III da banda viguesa The Soul Jacket. Os sons sureños do folk e blues americanos psicodelia e country rock deste traballo colocan o disco no sexto posto da lista dos 15 mellores álbumes nacionais do 2017 para a publicación especializada. O segundo lugar nunha sub-lista específica de 10 mellores discos españois de música americana dallo a revista Mondosonoro. E aínda que non se trata de disco compre mencionar o recoñecemento que acadaron entre o público programa de Radio 3 Disco Grande, os directos de dúas bandas que este ano non presentaron novo disco pero que si o fixeron encabezando listas do 2016: Triángulo de Amor Bizarro e Novedades Carminha. Os oíntes do programa de Julián Ruíz colocan as súas actuaciópn nos postos 4 e 5 respectivamente.
Ligazóns
- Agoraphobia van a por todas con Incoming Noise
- Volven Igloo co novo traballo 'Aquellos maravillosos daños'
- The Soul Jacket presenta 'VOL.III' o seu traballo máis sureño
- Eladio y Los Seres Queridos cociñan 'Historias de caza' con receita caseira
- Xoel López retrata o seu momento vital no novo álbum 'Sueños y Pan'
- BFlecha ofrece en Kwalia un universo sonoro de referencias orientais
- O dúo Presumido presenta en concerto o primeiro LP Vendetta en Pontevedra
- Bala abre Lume a discreción