Falece Emilio de Pando, o grande recuperador da trompa galega
xuño 30, 2017
O pasado 29 de xuño falecía na Coruña aos 85 anos de idade Emilio Álvarez Pérez, Emilio do Pando. O seu nome foi fundamental na recuperación na trompa galega ou berimbau, da que era un consumado intérprete, ademais de gaiteiro. Veciño da Fonsagrada, Emilio do Pando foi considerado un mestre por músicos como Rodrigo Romaní ou Bieito Romero, con quen compartiu escenarios en diferentes ocasións. Ademais, participou activamente no desenvolvemento do Museo Etnográfico da Fonsagrada e na creación e consolidación da Asociación “Antaruxas e Sorteiros” fundada en 1979. Polo seu labor recibiu numerosas homenaxes e recoñecementos, como foi o título de Mestre da Memoria da Asociación de Escritores en Lingua Galega.