Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Nace o selo discográfico Teen Records

O NOVO PROXECTO PRETENDE PROMOVER OS GRUPOS ADOLESCENTES DO PAíS

Nace o selo discográfico Teen Records

MISCELáNEA | setembro 29, 2016

imaxe non dispoñible

Un novo selo discográfico que busca desenvolver tarefas de "scouting, rexistro, produción, distribución e promoción de talento adolescente galego tanto instrumental como vocal, potenciando e apoiando a futura escena musical en Galicia". Esta é a proposta que fai Teen Records, unha proposta nada do traballo de fin de Grao de seis alumnas de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago e que se fixo realidade coa axuda do programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia. A iniciativa, que inicia a súa carreira cos grupos Marching Trees, Stock, Ember e mais Cabina 402, preséntase ao público o vindeiro 5 de outubro cun concerto dos dous primeiros grupos na Sala Capitol.

Noelia Francisco, Ana Túñas, Esther González e Carla Núñez son as responsables desta iniciativa que pretende achegar "unha oportunidade para que os novos creadores poidan dar a coñecer a súa música e abrirse un camiño profesional deixando pegada na industria musical. Todo, a través da produción de contidos e formatos innovadores tanto no ámbito analóxico como dixital por medio de diferentes medios e soportes como, por exemplo, “demos” de calidade, videoclips e futuros concertos, empregando as redes sociais".