Chicharrón envía unha Postal no seu segundo traballo
xuño 28, 2016
Con formación ampliada, a pasar de trío a quinteto, presenta Chicharrón Postal, o seu segundo álbum. Alberto Vecino, Diego Gende e Rubén Domínguez incorporan nesta ocasión a Mar Catarina aos teclados, que acadan un importante protagonismo, e a Xurxo Meis á batería. Deste xeito, a banda de Carballo mantén o seu carácter indie aínda que aposta por sons máis eléctricos nos doce temas que edita da man Prenom. Os estudios A Ponte de Tomás Ageitos acolleron a gravación deste proxecto. O álbum está dispoñible nunha edición limitada de 250 copias que sae nun cartafol de 7" con insert, postal da portada e funda protectora de plástico groso.O grupo está en plena xira de presentación do traballo.