O recoñecemento do bater: The Tambourine Man
xuño 2, 2016
Vender catro mil exemplares dun disco en galego desde o pasado mes de outubro non é algo ao alcance de calquera. Que o proxecto ademais resulte aclamado co galardón dos Premios Martín Códax da Música en Galicia na categoría Música tradicional galega e co de Mellor álbum en galego dos Premios da Música independente amosa reafirma aínda máis este alcance. The Tambourine Man, o álbum do proxecto Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre amosa o potencial de reinterpretar a nosa percusión tradicional.
O interese polos nosos instrumentos populares de percusión ven xa de vello para Xabier Díaz, promotor deste proxecto e coñecido pola súa participación en proxectos como Berrogüetto, AcadaCanto ou Arrolos de Salitre entre outros. "Levo toda a vida vinculado á percusión de man, que ten moita presenza no meu anterior disco, de 2007, e tamén no meu traballo con Berrogüetto. É unha cuestión moi natural", explica. Recoñece no entanto que en no seu novo proxecto "quería darlle un certo protagonismo, mesmo visual, facer que a parte do público que descoñecía boa parte deste mundo tivese curiosidade por todos estes instrumentos, e tamén que a xente do folclore collese consciencia de que merecen estar nun lugar máis privilexiado, xa que ocupan unha das capas máis baixas da pirámide dos instrumentos tradicionais".
As adufeiras
Deste xeito, a aposta incorpora once percusionistas que manteñen unha presenza constante nos temas. Cristina Pico, Iria Penabad, Montse García, Patricia Gamallo, Maite López, Noemi Basanta, Carolina Vázquez, Bea Mariño, Lidia Sanmartín, Gisela Sanmartín e Mariña García, todas elas alumnas do propio Díaz, corren cunha importante parte do peso deste proxecto. "Tocan sempre. Adufes, pandeiras, cunchas ou pandeiretas. Isto achega unha dimensión diferente", explica Díaz. "A integración foi moi natural, levaban tempo comigo nas aulas e vimos que aquel traballo podía abrir un camiño novo". Canda a elas e ao propio Díaz, Gutier Álvarez achega a zanfona e o violín e Javier Álvarez encárgase do acordeón diatónico no universo sonoro deste proxecto.
Investigación
O álbum parte dunha escrupulosa investigación da tradición e dunha importante selección do repertorio. "O substrato de todo o traballo é moi tradicional. O repertorio é moi tradicional e seleccionouse a partir dos meus propios arquivos, de todos os anos que pasei a facer traballo de campo. Nese material hai moitísimas xoias agochadas que non son coñecidas a nivel popular". Canda a esta selección "houbo un traballo paralelo moi intenso para escoller os textos, que tamén veñen de diferentes cancioneiros. Non quería traballar con textos moi manidos e busquei uns nos que a lírica estivese por riba de todo e achegasen máis cousas a nivel poético". Deste xeito, "o proxecto non se argumenta só en que toquemos con moita percusión. Non se basea só en que once mulleres toquen o adufe. Hai todo un discurso musical, unha suma. Tentei crear un universo sonoro, facer cancións que lle gusten á xente. E isto todo é o verdadeiro reto". En total, trece temas exploran diferentes ritmos e investigan xeitos de construír música a partir da nosa percusión tradicional.
A pegada
Encol do eco que acadou a iniciativa, con catro edicións do disco, Díaz recoñece que "estamos sorprendidos para ben. O disco ten aínda un percorrido pequeno e non é sinxelo conseguir estas cifras en tan pouco tempo. Peor máis que nas vendas e nos premios, notamos o feedback nos concertos. Vemos que vén moita xente coas cancións aprendidas, e penso que ese é o mellor test que pode pasar un disco. É certo que os premios son ben recibidos, e saben aínda mellor pola condición humilde que ten a percusión tradicional". Ao seu ver "en xeral os espectadores agradecemos a novidade sempre que estea feita con criterio". A viaxe de Díaz e das Adufeiras, coa intensa temporada de verán aínda por diante, promete estar aínda a comezar.