Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Malandrómeda racha cinco anos de silencio con dous discos simultáneos
Malandrómeda racha cinco anos de silencio con dous discos simultáneos
febreiro 24, 2016
O quinto lanzamento de Malandrómeda é tamén o sexto. Logo de cinco anos de silencio o dúo compostelán composto por Hevi e O Master do Son lanza hoxe 24 de febreiro a edición en liña e pasado día 26 a física de Cada can que lamba o seu carallo e Os corenta e oito nomes do inimigo. Matapadre corre coa edición destes dous traballos de longa duración (10 e 11 temas respectivamente) que foron autoproducidos entre 2012 y 2015 e que exploran diferentes vertentes do hip-hop na nosa lingua. Así, Cada can que lamba o seu carallo amosa a orientación máis festeira do grupo, mentres Os corenta e oito nomes do inimigo preséntase como máis sobrio e intimista, sen deixar en ningún momento as letras surrealistas e punzantes que marcan a identidade do dúo.
A presentación oficial do duplo lanzamento será este sábado 27, nun evento que ten o título de De chea con Malandrómeda e que convida aos seguidores do dúo a percorrer ao longo de sete horas unha serie de locais do casco histórico compostelán, en cada un dos cales se interpretará un tema ao vivo. Con posterioridade están confirmadas datas de presentación en Burela (4 de marzo), Lugo (13 de marzo), Meiro (18) e Ourense (19) entre outras.