Caxade representa a Galicia no Suns Europe
decembro 10, 2015
Son datas intensas para Caxade. A formación musical está de camiño a Udini, na rexión italiana de Friuli, para participar no Suns Europe, Festival Internacional da Canción en Linguas Minorizadas que celebra a súa primeira edición. Alí, o grupo representará a Galicia cunha actuación o venres 11 en competencia con sete formacións de lugares como Euskadi, Finlandia, Rusia, Bretaña ou Karelia. Por se fose pouco, na pasada fin de semana, a banda presentaba no Culturgal o CD/DVD A Dança dos Moscas ao Vivo. Nese volume, gravado hai un ano na anterior Feira das Industrias Culturais, os músicos de Caxade reintrepretan o seu primeiro disco acompañados pola Banda de Música de Bandeira. O novo álbum está distribuído por Discos da Máquina e tamén se pode escoitar en liña.