Os Chichisos publican o seu primeiro disco aos 21 anos
maio 29, 2015
Un disco totalmente artesán, elaborado de comezo a fin polos propios membros do grupo. Esta é a proposta que grupo de música tradicional Os Chichisos, de Pontevedra, presentan no seu Feito na casa. Por vez primeira logo de vinte e un anos de existencia, o conxunto lanzouse ao estudo de gravación para rexistrar dez temas, dos cales nove foron compostos polos seus membros. Polca dos Chichisos, María imos pra Mesía, O Alicornio ou Moinheira do rato Rabissaco som alguns dos temas que se inclúen no traballo. Gaita, requinta, acordeón ou clarinete acompáñanse de percusión tradicional nunha aposta polo son máis tradicional.