Niño y Pistola despídense con Bye Kid
marzo 24, 2015
"Os tempos mudan, facémonos maiores e os nosos compromisos vitais marcan unha serie de camiños que non podemos atallar". Así explican Niño y Pistola no seu web a decisión de se disolver logo de dez anos de actividade. "Poderiamos facer un par de remendos, pór uns parches para facer que a banda siga un par de anos, pero sería como nos enchufar a un respirador, e realmente parécenos unha solución ridícula". A banda despídese pero faino cun último lanzamento. O EP «Bye Kid», será un disco en vinilo de edición limitada de 320 copias numeradas que publica Ernie Récords o vindeiro 5 de maio e que xa se pode adquirir en prevenda. O primeiro single do proxecto, «Red leaf», está xa dispoñible en Spotify.
Ademais deste lanzamento, a banda anuncia un concerto de despedida na Sala Capito de Compostela (8 de maio) e outro, acústico, que se desenvolverá no Café e Pop Torgal de Ourense o día 9.