Terbutalina chega con Ritmo Serbio
febreiro 25, 2013
Ritmo Serbio é o título do segundo LP de Terbutalina. A banda gastropunk presentaba a pasada semana o seu novo traballo lanzándoo integramente de balde para se ouvir en liña nas máis diversas plataformas e coa posibilidade da súa descarga. Catorce temas enérxicos e breves na liña punk do seu primeiro traballo, nos que a guitarras acadan un maior protagonismo e se detectan uns arranxos máis coidados. O álbum gravouse nos estudios A Ponte de Tomás Axeitos e mesturouse en Estudios Mandelson. O vindeiro 7 de marzo a Sala Capitol acollerá a presentación do traballo, nun concerto no que tamén estarán Familia Caamagno.