Medomedá debuta con Mellorando pa peor
setembro 19, 2012
Logo de catro anos de actividade, Medomedá lanza o seu primeiro disco, co título de Mellorando pa peor. O CD achega doce cancións e mais unha introdución, incluíndo temas como Quero ver como te ris, que se presentara ao certame Apologhit! canda a outros coñecidos dos seus directos como Vas de guai e non chegas a chachi ou Un polbo botábao. O grupo mantén o seu estilo habitual, con fortes influencias do rock de Heredeiros da Crus. Ademais, Medomedá publicou no web Soundcloud extractos dos seus temas para o seu uso como tons de chamada de teléfonos. O disco foi gravado no estudio Pousada Son de Ames, e sae autoeditado baixo licenza Creative Commons.