Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / As listas estatais da mellor música do 2011 recollen notables presenzas galegas

DESTACAN O DEBUT DISCOGRáFICO DE DISCO LAS PALMERAS! E OUTRAS MOSTRAS DO ROCK INDEPENDENTE

As listas estatais da mellor música do 2011 recollen notables presenzas galegas

MISCELáNEA | xaneiro 2, 2012

imaxe non dispoñible

Antes de que soaran as badaladas de inicio deste 2012 a maior parte dos medios especializados en música cumpriron co rito anual de facer públicas as listas de grupos, cancións ou discos máis destacables do ano 2011. Elixidos por un xornalista especializado ou as veces por todo un equipo, os resultados deixaron ver algunhas achegas da escena musical galega nas principais listas, case sempre desde a perspectiva da música independente cuxo alcance deixou o seu carácter minoritario desde a entrada masiva do uso de Internet como medio de difusión.

A revista Tentaciones do xornal El País seleccionou dentro da lista nacional das 25 mellores cancións tres mostras da escena galega: no posto 19 a canción Pesetas dos composteláns Novedades Carminha, referencia actual dun rexurdir punk estatal directo herdeiro do dos anos 80; séguelle no posto 20 e nunha liña semellante a canción Comebolsas do inclasificable dúo coruñés SraSrSra; pecha a presenza galega nesta lista o pop “adulto, brillante e ben realizado” dos vigueses Eladio y los Seres Queridos no seu tema El tiempo futuro.

Para a edición española da Rolling Stone é o disco do vigués Abraham Boba Los días desierto un dos 20 máis destacables do 2011 e sitúao no posto 14 da súa lista. Xa dentro da selección das 50 mellores cancións nacionais do ano sitúa de novo a Boba coa canción Podría haber sido peor no posto 33 e no posto 35 o tema las cosas que dejé do primeiro disco do grupo de Luís Tosar The Elas.

Pola súa banda a revista especializada Mondo Sonoro colocou no posto 27 entre os mellores 40 discos nacionais o Love Battle (autoedición) de Catpeople e no posto 29 o debut discográfico de Disco Las Palmeras! co álbum Nihil Obstat (Matapadre), grupo do que mencionan que “pertencen a ese reducto de resistencia noise y shoegaze que hai en Galicia”, tamén elixen o vídeo clip A los indecisos deste mesmo grupo para pechar a súa seleccións dos trinta mellores vídeo clips do ano a nivel internacional. Coincide en destacar este disco tamén o xornalista Javier Becerra no blog Retroalimentación de La Voz de Galicia. Na súa lista dos mellores 10 discos nacionais figura tamén Disco Las Palmeras no número 10 co seu Nihil Obstat ao que cualifica de “gran primeiro paso”. Para este xornalista o trío de Carballo Franc3s se coloca no 5º posto da lista co seu disco homónimo, primeiro da súa discografía; o número 7 da súa selección é outro traballo saído da escena musical do país, o álbum Galicia Bizarre, recompilación de grupos do actual underground amosando na súa opinión “unha época de esplendor” do rock que se fai en Galicia.

O webzine Desconcierto opta por presentar tres listas separadas coa música de Galicia, do resto do Estado e a internacional. Na primeira delas de novo Disco Las Palmeras! aparecen destacados na cabeza con Nihil Obstat seguidos de Telephones Rouges Radiocontrol EP (Mama Vinyla Records) e o grupo Das Kapital co álbum Ruído Negro (A Regueifa).

VIDEO
A los indecisos - Disco Las Palmeras!