Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / De Ruada vía exposición

O EDIFICIO SIMEóN DE OURENSE ACOLLE UNHA MOSTRA SOBRE ESTA HISTóRICA FORMACIóN

De Ruada vía exposición

CORAL | setembro 17, 2009

imaxe non dispoñible

Resumir 90 anos de intensa historia musical non é sinxelo. Ata o vindeiro 27 de setembro no Edificio Simeón de Ourense podemos ver un exemplo de como abordar este traballo. Da man da discográfica Ouvirmos a exposición Sete voces para a Coral De Ruada achéganos á historia desta histórica formación da música tradicional galega.

Sete voces para a coral De Ruada estrutura noutros tantos ámbitos a historia do grupo, Palabra, Movemento, Innovación, Galeguismo, Talento, Momentos e Legado. Deste xeito explóranse os vencellos culturais e artísticos do conxunto, as xiras internacionais ou a herdanza que deixou o coro desde a súa fundación ata a actualidade. Nada en 1919, a Coral de Ruada chegou cos anos a ser unha das principais formacións deste tipo que existen no país, e unha das poucas que se manteñen en activo logo de tanto tempo.

Arquivos propios
A existencia dun importante arquivo con fondos históricos, facilitou a escolma de material para a exposición que conmemora os 90 anos do traballo deste grupo a prol da nosa música tradicional. “O fin primordial da exposición é visualizar o traballo da coral durante noventa anos, entón todos os fondos son propios”, explica desde Ouvirmos José Manuel Aldea, que salienta a importancia do arquivo que a formación foi acumulando desde o primeiro momento. “Queremos destacar o labor de todos os membros da coral. Xa desde o comezo nos libros e nos arquivos se recolleu polo miúdo a actividade do grupo”. Deste xeito, fotografías históricas de formacións e de actuacións do grupo puidéronse combinar con capas de discos, carteis e outros elementos para conformar esta mostra. De entre as pezas que se conservan e que se poden ver na mostra, “eu destacaría a bandeira orixinal de Camilo Díaz Baliño, penso que de 1921, e tamén os bosquexos deste artista para os decorados”.

Vangardas tradicionais
Canda á bandeira, a mostra revela a importante relación deste artista plástico coa coral. Debuxos, cadros e reprodución dos decorados que realizara para o grupo amosan que a importancia deste conxunto trascende a música senón tamén para a pintura. Do mesmo xeito, no Edificio Simeón poderemos coñecer a longa relación de De Ruada co cinema, que se remonta a 1925 co filme La Virgen del Cristal e que continuaría con aparicións en títulos coma Carmiña, Flor de Galicia ou O Carro e o Home. E é que, segundo explica o texto da mostra, o proxecto inseríase “ no movemento vangardista de recuperación da cultura”. Nesa liña de modernidade, foi o primeiro grupo do seu tipo en contar cun mulleres e tamén foi pioneiro en desenvolver unha iniciativa empresarial vencellada coa música tradicional, “unha xira por varios teatros de Galicia apadriñada polo empresario Isaac Fraga”.

Multimedia
Para alén de paneis, debuxos e fotografías, a mostra recupera condecoracións, bandeiras e outros elementos. Do mesmo xeito, un audiovisual recolle as palabras dos actuais membros da formación e compila escenas de diferentes filmes nos que participou o grupo. Como non podía ser doutro xeito, Ouvirmos recuperou tamén algúns dos primeiros temas gravados polo conxunto, que se distribuirán de xeito masivo a coincidir coa mostra.

Sete voces para a Coral de Ruada
Escena do himno galego cun escenario de Baliño de fondo
Escenografías de Díaz Baliño para os cantos populares, 1929.
Escenografías de Díaz Baliño para os cantos populares, 1929
Escenografías de Díaz Baliño para os cantos populares, 1929
Escenografías de Díaz Baliño para os cantos populares, 1929
Grupo de mulleres que participaron na primeira xira sudamericana, 1931
Foto coloreada da gravación da película La Virgen del Crital, 1925
Etiqueta do disco co tema Alborada de Ourense editado en Arxentina pola casa Odeón
A Coral de Ruada fotografada posando e interpretando varias escenas
DOCUMENTO