A música que chegou do leste
xuño 24, 2009
“Aquí temos o estereotipo de que o jazz é unha música tocada por xente de raza negra, principalmente, afroamericanos , e que se compón dunha serie de instrumentos como a trompeta, contrabaixo, o saxo, a batería, e un par de instrumentos máis” explica Baldo Martínez, o director artístico do Imaxina Sons, o festival de Jazz de Vigo. Un encontro que leva cinco anos a romper con eses tópicos exhibindo o máis vangardista e, por suposto, o lado europeo do jazz. Escoiten ben porque hoxe abre as súas portas.
DESCOBRE A MÚSICA DA V EDICIÓN DO IMAXINA SONS
É innegable que Nova Orleáns foi o berce do jazz. Foi alí onde comezaron os primeiros músicos que tiñan conciencia propia de estar a facer algo diferente, que mesturaba diferentes estilos musicais. De aí trasladouse a outras cidades norteamericanas como Chicago ou Nova York…. e foi así como naceu un dos mitos, o “auténtico jazz” é o que vén de Estados Unidos. Pero Baldo Martínez, director artístico do Imaxina Sons e músico de profesión (e vocación), incide que “se a historia do jazz ten uns cen anos, a tradición do jazz en Europa ten cerca de oitenta anos”. Sen embargo, a maior parte dos festivais que se desenvolven en todo Estado programan músicos principalmente americanos. Foi o concello de Vigo o que decidiu facer hai cinco anos un festival de música centrado no jazz (na cidade xa existía tradición deste tipo de encontros), e foi entón cando Baldo, como director artístico, foi imprimíndolle ese sinal de identidade, de ollar cara o jazz europeo, o que lle permitiu ter un enfoque diferente do resto de festivais do circuíto.
Jazz con raíz
“O tronco do festival, no que se apoia toda a filosofía do Imaxina Sons, é o de cubrir aqueles proxectos que están máis presentes na actualidade do jazz europeo, aínda que con algunha referencia a fóra de Europa pero, sobre todo, dando moito apoio aos músicos galegos” explica Baldo Martínez, director artístico desde certame. Un certame que busca os proxectos máis innovadores e relevantes do jazz europeo con nomes como Marc Ducret (mércores 1 de xullo no Salón de Actos do Marco), un guitarrista ecléctico que vai mudando desde a música popular, á clásica contemporánea con retallos de country e rock; a Napoleón Murphy Brock, un dos pratos fortes deste festival (xoves 2, Praza do Rei); CMS (xoves 2, teatro Salesianos), un dos tríos máis reseñables do jazz peninsular dos últimos tempos. E, por suposto, a música que se fai en Galicia. “Temos, apunta Baldo, que servir de escaparate do que se está a facer en Galicia e, por iso, este ano centrámonos en Omega, unha orquestra de improvisadores que leva tres anos traballando”. En total uns vinte concertos formarán esa parte central do festival que arroupada por outros ciclos que se desenvolven desde as rúas ata o clubs de jazz que, como destaca Baldo, “son os que manteñen a afección durante todo o ano”.
Do amplo programa de actividades previsto entre o 25 de xuño e o 5 de xullo destacan, entre outras, as masterclass “ás que poden asistir desde profesionais ata público interesado no jazz, no que se darán claves e permitirán descubrir novas posibilidades” explica Baldo ao tempo que nos comenta que están a espertar moito interese tanto desde Galicia como desde fóra.
“E como a música non é só unha nota detrás doutra, no programa deste ano tamén temos a presentación dun libro sobre a improvisación libre (Improvisación libre. A composición en movemento escrito por Chefa Alonso) e dúas mesas redondas” explica o director artístico. A primeira delas (martes 30, salón de actos do Marco) pretende recoller o que chamaron anécdotas jazzísticas a cargo do críticos Juan Claudio Cifuentes, director do programa Jazz porque sí, Javier Cambra, colaborador do programa Sonideros de Radio 3 e crítico de jazz de La Razón. A segunda, na que participarán os críticos Tomás Sendón e Alejadro Cifuentes xunto con Baldo Martínez, pretenden falar sobre o que foron estes cinco anos do Imaxina Sons e trazar os desafíos para o futuro (Cinco edicións do Imaxina Sons. Os desafíos dun festival de Jazz terá lugar o mércores 1 de xullo, no salón de actos do Marco).
Ollar cara adiante
“Nos tres primeiros anos estivemos nunha especie de tránsito cara o que queriamos amosar, que se notou moito na cuarta edición, cando o público entendeu a mensaxe, o espírito e respostou cuns niveis de afluencia que nos sorprenderon” explica Baldo. Por iso pensa que o futuro débese de seguir por esa liña, “ser fiel ao nosos sinais de identidade e, ao mesmo tempo, aproveitar os contactos que estamos a facer con outros festivais para, nalgún momento dar o salto e poder facer coproducións”. As producións propias son outros dos camiños que lle gustaría explorar, pero o director considera que será “cando chegue o momento”. Polo pronto, hai dous anos fixeron a primeira produción propia, a “Imaxina Jazz Orquestra”, formada con vinte músicos e “queremos movela por outros concello de Galicia e de fóra”. En todo caso, o director artístico do Imaxina Sons ten claro que non se poden materializar todas as ideas e hai que ir priorizando unhas sobre outras. Como tamén o ten que “A música non se fai na casa, hai que subir aos escenarios e amosala, porque iso é o que te permite formarte como músico”. E iso éo Imaxina Sons, o escenario para que todos os músicos galegos entren en contacto co público.