Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Nova Galega de Danza presenta a música do seu espectáculo Tradicción
Nova Galega de Danza presenta a música do seu espectáculo Tradicción
xuño 11, 2009
A compañía Nova Galega de Danza formada por músicos e bailaríns que comparten escenario en directo presenta agora o disco coa música do seu máis recente espectáculo TRADICCIÓN. Trátase da derradeira entrega da triloxía comezada con Alento (2003) e posteriormente con Engado (Falcatruada, 2007). O disco, editado por Falcatruada, é a consolidación dun proxecto escénico que vén de recibir o Premio de Ciencias e Artes da Representación 2009 outorgado pola Fundación Premios da Crítica-Galicia. A través de 11 cortes o actual director musical da compañía, Pedro Lamas, ofrece unha achega ao noso folclore sobre melodías do repertorio popular recollidas polos propios músicos ou rescatadas de arquivos. Do mesmo xeito que coa danza os músicos unen nestas músicas a raíz coa vangarda contemporánea, neste caso sonora. Ademais dos arranxos de Lamas e de Jacobo de Miguel en dous temas, na gravación tamén están as achegas de Xabier Díaz, Toño Domínguez, Suso Iglesias, Ricardo Rozas, Juan Collazo, e Miguel Queixas . O disco sae á venda o vindeiro 16 de xuño e a música de TRADICCIÓN pódese adquirir en formato dixital a través das plataformas de venda na rede ITunes, Amazon e eMusic e pódese escoitar a través de servizos como Spotify, LastFM e Deezer.