¿Malos tempos para a lírica?
abril 27, 2009
Teñen feito xiras mundiais dignas dos Rolling Stones e levan ben máis tempo ca eles en activo (aínda que semelle imposible). A Coral De Ruada celebra neste 2009 o seu noventa aniversario en plena forma e, canda a ela, outras tres históricas formacións manteñen en activo o espírito de recuperación de música popular do comezo do século XX. Botamos un ollo na actualidade das corais galegas.
O 5 de outubro de 1918 Xabier Prado Rodríguez Lameiro, Virxilio Fernández González, Xulio Prieto Nespereira, Fabriciano Iglesias Abella e Cesáreo Eire Santalla reuníanse nunha casa da avenida de Zamora, en Ourensee fundaban o Coro de Ruada. Naquel tempo, a interpretación de cancións populares en formato coral era un dos principais xeitos de revitalizar a música tradicional e introducila nos salóns urbanos, e estas formacións tiñan un grande éxito que as levaba mesmo a visitar as comunidades galegas no exterior. Co que posiblemente non contaban o seus fundadores era con que a coral non só lles sobrevivise, senón que chegase a facer noventa anos manténdose en boa forma. Neste 2009 celébrase o aniversario da Coral de Ruada, que facía o seu debut o 24 de xuño de 1919. Un disco que recupera as súas primeiras gravacións e dúas exposicións da man da discográfica Ouvirmos e mais unha nova edición do Certame Internacional de Coros son os principais fitos deste aniversario.
Relevo xeracional
Segundo explica Eladio Quevedo, actual director do grupo, "a nosa función é a difusión da música tradicional galega. Non quere dicir isto que non fagamos polifonía galega e universal, pero desde que se fundou, o obxectivo é transmitir as cancións populares". Canda a De Ruada, no noso país mantéñense outras tres formacións deste tipo que roldan o século. O Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, Cantigas e Agarimos en Compostela e mais Cántigas da Terra na Coruña manteñen vida unha tradición que, quéirase que non, xa perdeu boa parte do seu pulo inicial. "Na actualidade na coral participamos corenta e cinco músicos e sete instrumentistas", explica Quevedo, quen recoñece que "A renovación xeracional é o grande problema que temos. Aínda que temos xente nova, queriamos ter moita mais. O que acontece é que os mozos agora teñen moitas distraccións. Nos meus tempos, aló polo anos cincuenta, non tiñamos onde ir, andabamos de paseo pola rúa dun lado para outro. Agora hai cafeterías e salas de festas e a xente é máis reacia, pero así e todo, ao que lle gusta isto, vén". Malia a que pode semellar que o mundo das corais está afastado da mocidade actual, José Manuel Aldea, de Ouvirmos, lémbranos que existe un amplo movemento entre os máis novos arredor das nosas músicas tradicionais que pode ser unha plataforma para o relevo dentro destas formacións. "Neste 2009 o maior reto para as corais é a renovación xeracional, a incorporación de toda a mocidade que está cantando e bailando en agrupacións pequenas, e tense que dar o salto para que estas novas xeracións visualicen a importancia de se meter dentro das corais e garantir outros tantos anos coma os que xa levan en funcionamento".
Exposicións e novidades
Conscientes desta pexa, en De Ruada non teñen dúbida en desenvolver medidas paliativas para conseguir unha maior presenza de xente nova nesta tradición. "Imos presentar este ano un coro infantil que vai interpretar pezas populares. Serán unhas dezasete voces e terán unha programación e un repertorio propios, tamén para que se vaian afacendo ao que é a entidade". Esta é só unha das propostas que se sucederán neste ano de aniversario, cos pratos fortes nas dúas mostras que amosarán, o vindeiro outono da man da discográfica Ouvirmos, o patrimonio que acumulou esta formación musical na súa historia. "A coral é dos ourensáns, e moitos non saben todo o patrimonio que ten, que é moi importante. Por iso este ano imos facer dúas exposicións no que se poida ver todo o que gardamos. A primeira será en setembro do edificio Simeón e a segunda en novembro no Auditorio Municipal. Poderá verse a filmografía na que sae o coro, a discografía, cadros, bandeiras, medallas...". Entre os galardóns que se exporán estará o Pedrón de Ouro, a Medalla de Galicia en Bronce, e mais as de ouro da provincia e da cidade de Ourense entre outros. "Temos tamén cadros de Díaz Baliño, que fixera tamén decorados para a coral. O que pasou é que os decorados se estragaron e só conservamos os bosquexos. Hai que pensar que tivemos 33 locais. Logo tamén temos cadros de Prieto Nespereira ou de Virxilio Fernández".
Recuperación sonora
E é que noventa anos dan para moita historia, con éxitos destacados. Segundo lembra Quevedo, "nós percorremos toda Galicia, toda España, toda Europa e boa parte de América. Estivemos en Canadá, nas Vegas, en México, en Arxentina ou en Uruguay". Ademais de actuacións en directo, de Ruada conta tamén cunha amplísima discografía, que arrinca xa en 1929 cunha das primeiras gravacións da música galega. Precisamente con ocasión destes noventa anos, Ouvirmos recupera nun CD dez temas daquelas primeiras gravacións. Encol dos proxectos para recuperar a memoria destes anos, Aldea explica desde esta empresa que "o que pretendemos é enfocar este aniversario no recoñecemento a todas as xentes que participaron no proxecto, amosarlle a nosa gratitude a toda a xente que achegou o seu tempo á formación".
Actualidade e actuacións
Malia a que pode semellar que non estamos nos mellores tempos para a música coral, xa que non atopamos anuncios destas formacións nos carteis dos grandes festivais de música, este estilo non deixa de ter a súa demanda. "O ano pasado fixemos cincuenta e tantas actuacións e para este anos temos previstas setenta", lembra Quevedo. E é que De Ruada, coma as outras formacións galegas, son habituais en moitos dos encontros centrados na música vocal que se celebran por todo o Estado, sen desmerecer en absoluto outras formacións. "As corais galegas estamos a un nivel moi bo. Iso nótase mesmo cando cantamos con outras que se centra máis en música sacra ou temas non galegos. Levámonos todos moi ben", explica de Quevedo. A propia De Ruada é a responsable de organizar o Certame Internacional de Coros "De Ruada"que nesta súa terceira edición contará coa presenza de dos coros portugueses de Águeda e Vila Real, a Coral La Enseñanza de Valladolid ou das corais galegas, ademais de contar coa presenza de Cristina Pato. De calquera xeito, o director de De Ruada destaca o apoio de Caixanova, da Deputación e mais da Concellería de Cultura de Ourense que permiten continuar co traballo do grupo.
As mudanzas no canto
Malia a que, visto desde hoxe, pódenos parecer que a música coral permanece inmutable, na realidade os repertorios e os xeitos de interpretar dos coros mudan ao longo do tempo. Segundo explica o director de De Ruada, "houbo unha evolución grande na interpretación e nas pezas. Cada director que pasou pola dirección deulle a súa impronta. Antes escenificabamos a música, coma a colleita das castañas ou a malla, con decorados coma os que fixera Díaz Baliño. Tamén había declamadores, pero agora só cantamos e tocamos. Nos últimos anos démoslles entrada á zanfona, que a coral perdera cando morreran Santalice e Virxilio Fernández. Agora estamos a preparar chirimías, que é o canto de Santiago con ocasión do Xacobeo 2010". Ademais, salienta participación da coral en diferentes iniciativas. "Colaboramos con moitas outras corais e mesmo con grupos. Temos pendente facer unha vindeira gravación con Treixadura, e vimos de facer outra con Brañas Folk. En xeral estamos abertos a colaborar con todas as iniciativas que teñan interese". Segundo explica Aldea, "nas corais houbo unha primeira fase centrada na recuperación do folclore, que se truncou coa Guerra Civil. A partir de aí desenvolvéronse diferentes procesos, desde a incorporación de músicas do mundo ata outro repertorio menos vencellado á música popular".
Está por ver se celebracións deste tipo conseguen recuperar unha certa vitalidade para este tipo de formacións, que historicamente desenvolveron un importantísimo rol na nosa cultura. "O papel das corais foi básico. Está documentado que foron os que introduciron símbolos coma a bandeira ou o himno, e foron responsables de recuperación de pezas menores do folclore cun importante traballo de recollida".