Comeza a edición invernal do programa cultural Vai de Camiño
xaneiro 22, 2009
O programa “Vai de Camiño” 2009, organizado pola Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, inicia mañá venres unha nova edición, a cuarta, coa novidade da incorporación dunha programación específica para o inverno. Esta programación dá cabida a propostas artísticas adaptadas aos espazos cubertos dispoñibles nos concellos polos que transcorren as diversas rutas xacobeas. A oferta constará basicamente de grupos de danza, canción de autor e concertos de pequeno formato. Lugo, Ribadeo e Ferrol acollen esta fin de semana as primeiras actuacións a cargo do grupo de danza contemporánea “Thomas Noone Dance”. Tomarán parte da programación de inverno compañías de danza como Nova Galega de Danza e novos intérpretes como Andrés Suárez, Samuel Leví ou Roberto Sobrado, que contarán co apoio dun amplo abano de artistas consagrados neste xénero como Xoán Rubia, Xoán Eiriz, María Manuela, Miro Casavella, Joaquín Lera ou Xurxo Mares, entre outros.