Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Baiuca enche catro xornadas seguidas a Sala Capitol

Xénero: Fusión | 3 / 1 / 2025

imaxe non dispoñible

A xira de presentación de "Barullo" (Raso Estudio, 2024), o terceiro disco de Baiuca, pasará por Santiago de Compostela marcando un fito. O que ía ser inicialmente unha única sesión foi ampliándose a medida que voaban as entradas e finalmente serán catro xornadas seguidas, entre o xoves 23 e o domingo 26 de xaneiro, os días nos que Baiuca repetirá cada día o seu espectáculo na Sala Capitol. Se ben as entradas para as tres `primeiras datas esgotáronse rapidamente, non foi ata as últimas horas do 2024 cando tamén voaron as do día 26. Segundo fontes da sala pasarán por alí nestas catro sesións ata tres milleiros de persoas a ver o espectáculo que o proxecto do artista de Catoira, Alejandro Guillán, presenta co seu terceiro disco de estudio. Avalado polos tres premios MIN que recolleu este ano e polo éxitos dos seus anteriores traballo scos que percorreu o mundo na súa mestura de música tradicional e electrónica, Baiuca é capaz de atraer todo tipo de públicos á súa proposta.

Os John Deeres volven cun disco conceptual

Xénero: Rock | 30 / 12 / 2024

circulo_formigas_john_deere.jpg

Dous temas, divididos en catro partes cada un , un total de oito cortes musicais que conforman o novo disco dos estradenses Os John Deeres- O primeiro disco longo en sete anos e o cuarto do seu percorrido. 'O círculo das formigas', que así se titula este novo álbum do quinteto, supón unha notable evolución en canto aos conceptos e aos sons que manexaba a banda nos seus anteriores traballos. Preséntase como un disco conceptual, case como dous discos, xa que o álbum divídese en dúas partes, Pulso e Inercia, con catro movementos cada una, que incluso de poderían escoitar como dous traballos distintos, aseguran desde a banda.

Pakolas presenta 'Ecoralia, a lambona ecolóxica'

Xénero: Infantil | 23 / 12 / 2024

imaxe non dispoñible

"Ecoralia, a lambona ecolóxica" é o novo traballo musical de Paco Cerdeira, Pakolas, unha das figuras máis recoñecibles do rock para a cativada da escena musical galega como parte de mama Cabra ou de A Gramola Gominola. Este traballo, que é o seu cuarto álbum en solitario, chega promovido polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) e presentouse o pasado día 13 de decembro no Auditorio Gustavo freire de Lugo ante escolares da cidade. A través dunha historia entretida e fermosa e da súa música rockeira, con Ecoralia como personaxe principal, os máis pequenos coñecerán a importancia de consumir alimentos ecolóxicos certificados, para coidar tanto da nosa propia saúde como da contorna que nos rodea. Este novo álbum musical contén seis novas cancións de Pakolas e tamén un conto, con ilustracións de Laura Romero, e a súa edición en formato libro físico será distribuída gratuitamente nalgunhas das bibliotecas de Galicia e tamén entre colexios. Ademais desta versión no formato editado, está dispoñible para o público xeral de xeito dixital dende a páxina web do Craega, con descarga do Libro en formato PDF, as cancións en formato MP3 e as Unidades didácticas.

Ailá presenta Tradimensional, o seu terceiro álbum

Xénero: Folk | 19 / 12 / 2024

aila_tradimensional_disco.jpg

Un concerto este quince de decembro na compostelá Sala Capitol presentaba ao vivo o terceiro traballo de Ailá. O grupo lanza Tradimensional a manter a súa aposta pola música de raíz bailable e a incorporar por vez primeira letras propias ás pezas tradicionais que conforman o groso do seu repertorio.

Carme López fai unha homenaxe contemporánea ás informantes da música de tradición oral

Xénero: Folk | 3 / 12 / 2024

carmela_vindetodas.jpg

Carmela é o nome do proxecto centrado na música de tradición oral da artista Carme López, baixo o que ven de presentar o disco 'Vinde todas'. Carme, intérprete e docente na ETRAD de Vigo, recibiu neste 2024 o Premio Martín Codax de Música Contemporánea grazas ao seu proxecto 'Quintela' , a primeira obra de música experimental para gaita. En 'Vinde todas' e como Carmela, asenta este proxecto sobre dous piares fundamentais, a perspectiva de xénero e a investigación etnográfica, os cales toman como eixo principal as informantes, aquelas mulleres que achegan músicas e informacións arredor da tradición oral. Cada unha das cancións leva o nome da ou das mulleres de referencia, algunhas xa desaparecidas, no proceso de aprendizaxe das melodías, ademais de iniciar e pechar o disco cadansúa gravación de campo, as que reflicten o propio proceso de investigación etnomusicolóxica. O disco traza unha liña entre o seu primeiro tema e o último que vai das cantareiras informantes xa desaparecidas de Moscoso ás Pandereteiras de Toutón, mantedoras da tradición.

Hugo Guezeta presenta o seu disco en solitario

Xénero: Hip-Hop | 22 / 11 / 2024

O-noso-tempo-cover.jpg

O primeiro disco en solitario de Hugo Guezeta, 'O Noso Tempo', comeza desde a loita contra a depresión como unha declaración de intencións dunha rexeneración curadora, para pasar rapidamente o rimador a tomar altura e amosar a súa faceta máis reivindicativa e contestataria, a súa rebeldía indomable lanza frases lapidarias con destinatarios con nomes e apelidos sen pudor e crítica social. Malia non ser un traballo conceptual a escoita continua ofrécese como "unha viaxe ao longo dun día, dende o espertar ao sono da noite, pasando polo mediodía". O álbum preséntase como "un berro a toda unha xeración que vive sumida nun estado de letargo, e á que apela directamente mediante as súas letras para rachar con eses bloqueos que nos impiden avanzar como sociedade e 'espertar'".

Catuxa Salom presenta o seu primeiro traballo longo 'Cāldo'

Xénero: Fusión | 21 / 11 / 2024

Portada Caldo_catuxasalom.jpg

A artista galego-arxentina Catuxa Salom leva varios anos presente na escena musical do país, en festivais e salas de concertos, sacando temas soltos e co seu EP 'Nunha aldea' (2022), hoxe mesmo ven de sacar á luz en plataformas o seu primeiro disco longo 'Cāldo' . O álbum debut da creadora, distribuído por Altafonte, presenta nove temas co son característico da artista, fusionando a música electrónica, os instrumentos de raíz e os elementos da natureza en temas bailables, moitos deles claramente emparentados coa música tradicional galega ou con sonoridades latinoamericanas. O disco supón unha achega ao 'novo trad' desde a fusión multicultural.

Javier Otero estrea a ópera 'Pálido Punto Azul'

Xénero: Clásica/Lírica | 12 / 11 / 2024

imaxe non dispoñible

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle hoxe a estrea absoluta da ópera 'Pálido Punto Azul', unha obra contemporánea composta polo músico estradense Javier Otero Neira con libreto de Iria Azevedo, que toma como punto de partida a famosa fotografía da terra tomada pola sonda Voyager 1 en 1990 a unha distancia de 6.000 millóns de quilómetros que foi así definida por Carl Sagan. O espectáculo aborda a representación do lugar que ocupa a humanidade no Universo a través de diferentes dimensións artísticas sobre o escenario, amosando a través desta obra colectiva a insignificancia e fraxilidade do noso planeta como un pequeno punto azul na inmensidade do espazo. A estrea na Coruña insírese no programa lírico de temporada de Amigos da Ópera da Coruña. Sobre o escenario a parte lírica correrá a cargo de Esperanza Mara coma personaxe principal, mentres Nerea Brey achega a linguaxe corporal da danza e a performance. O equipo artístico inclúe a dirección musical e interpretación de Javier Otero, o deseño escenográfico e dirección de escena de Iria Azevedo e o deseño de movemento escénico de Rut Balvís. O espectáculo presentarase tamén o vindeiro día 27 no Teatro Principal, en Santiago de Compostelá, dentro do ciclo Contemporáneas e xa en decembro, o día 5 no Teatro Principal da Estrada. 'Pálido punto azul' é unha produción de Javier Otero Neira e Culturactiva co apoio da Xunta de Galicia (Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude), da Deputación de Pontevedra e do Concello da Estrada. Coa colaboración de Inversia Seguros e Wecom. Creado en residencia co apoio do Teatro Principal da Estrada, NONONON lab, CMUS Profesional de Música de Santiago de Compostela.

Garza presenta o seu segundo disco 'Vertentes'

Xénero: Electrónica | 25 / 10 / 2024

capa_garza_vertentes.jpg

Os máis de once minutos do tema 'Na franxa' cos que abre o álbum 'Vertentes' son unha boa introdución dos seguintes 55 minutos envolventes que ofrece o segundo traballo de Garza. O artista detrás deste proxecto de música electrónica, Adrian Charlín, percusionista en bandas como Malkeda, regresa cun novo traballo longo tras o seu inicial 'Interferencias' en 2022, de novo baixo o selo ferrolán Ferror Records. Nos doce novos temas que compoñen o disco engádese agora a voz do artista, un elemento máis nun avance evolutivo no seu son, máis puramente electrónico e que oscila entre a escuridade electrónica e a claridade melódica, entre o ominoso e o alegre ao longo dos diversos temas do disco, con profundidade e coidado polos detalles. As letras, inspiradas na estrutura minimalista dos haikus, despregan de maneira aberta un lirismo que atrapa e suxire máis do que revela. Este enfoque lírico combínase cunha instrumentación que transita entre o pesado e o etéreo, claramente marcada pola característica de Charlín como percusionista no manexo rítmico e nas sonoridades máis orgánicas, xerando unha atmosfera que invita á introspección e ao mesmo tempo mantén un ritmo vibrante e dinámico. Con este 'Vertentes', dispoñible nas plataformas dixitais, Garza fai unha achega de valor á música electrónica galega e en galego.

O mundo da gaita reúnese en Poio

Xénero: Folk | 23 / 10 / 2024

imaxe non dispoñible

Este vindeiro domingo, 27 de outubro, o mundo da gaita galega ten unha cita imprescindible en Poio. O Pazo de Besada da localidade pontevedresa acolle a que será a quinta edición de O Son da Gaita, un encontro ao redor deste instrumento tradicional que reúne solistas, formacións, artesáns e investigadores. A Asociación Cultural Pai da Cana organiza este evento polo que ao longo da mañá pasarán tres agrupacións (Ventureira, Picuiña, @s Folieir@s) e cinco solistas (Pedro Lamas, Pablo Carpintero, José Manuel Mojy, Sabela Olivares e Ivan Costa) de toda Galicia e acollerá tres presentacións, incluíndo un obradoiro de instrumentos a cargo de Oli Xiráldez. A xornada terminará cun xantar foliada. A asistencia (agás o xantar) é de balde con reserva previa.

<< Inicio / Anterior . 21 a 30 de 1431 . Seguinte \ Fin >>