Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

'Carmucha VST' achega a percusión tradicional á produción musical

Xénero: Electrónica | 12 / 9 / 2025

imaxe non dispoñible

Lévase falando moito desde o mes de agosto da inminente saída de 'Carmucha VST', a ferramenta dixital para produción musical que ofrece as bases de percusión tradicional galega. Agora xa está en liña para descarga e pode comezar a usarse de xeito aberto e gratuíto. Pandeiretas, tamboriles, bodhram e pandeiros con distintos patróns rítmicos a xeito de anacos ou "samplers" que permiten a súa incorporación a producións de todo xénero ou a súa reprodución continuada para outros usos como as leccións de baile, por exemplo.No tempo coincide coa presentación do proxecto Lindisfarne Sample Pack, cun primeiro paquete de sons de pandeireta gravados por Xabier Díaz ao que seguirán outros para achegar a música tradicional galega a calquera produción musical.

O Festival de Poesía do Condado volve reunir en Salvaterra aos creadores contemporáneos

Xénero: Miscelánea | 29 / 8 / 2025

imaxe non dispoñible

O Festival de Poesía do Condado, en Salvaterra do Miño mantén a súa chama acesa e celebra a súa 37ª edición os vindeiros 5 e 6 de setembro. A cita co xénero lírico, complementada cunha oferta musical, reunirá na vila unha importante representación da poesía contemporánea que ten a lingua e cultura galegas como nexo de unión. Silvia Penas, Samuel Merino, Daniel Salgado, Nieves Rodríguez, Emma Couceiro, Aurora Abelairas, Silvia Mota, Paco Barreiro, Masha Álvare a O Leo Arremaghona conforman o cartel poético. Ademais dos recitais abertos, poderanse ver as actuacións musicais de Dakidarría, OMIRI, Hugo Guezeta, Cuarteto Caramuxo, Xosé Lois Romer & Aliboria e a Banda Xangai, liderada por Xurxo Souto entre outros.

Germán Prieto enfróntase ao Destino no seu segundo disco

Xénero: Miscelánea | 23 / 7 / 2025

destino_german_prieto_2.jpg

Once cancións de pop, rock e indie, con temas en galego e en castelán conforman a variada aposta estilística de Destino, segundo álbum de estudio de Germán Prieto. O pontevedrés continúa así a carreira en solitario que iniciou en 2022 con Salto al vacío logo de participar en diferentes formacións da escena musical galega.

Xabier Díaz e Luz Casal estarán no Festival intercéltico de Lorient

Xénero: Folk | 16 / 7 / 2025

imaxe non dispoñible

A 54ª edición do festival Intercéltico de Lorient, que terá lugar na localidade bretoa entre o 1 e o 10 de agosto, inclúe no seu programa a artista convidados representando as diversas nacións celtas. No caso de Galicia a organización inclúe este ano as actuacións da cantante Luz Casal, Xabier Díaz (en solitario e en formato cuarteto), Lucía Comesaña, o grupo de baile O Fiadeiro e a Banda de Gaitas Herba Grileira. A edición deste ano do festival está dedicada a 'Os primos de América'.

Cristian Silva avanza no seu estilo con 'Un home tranquilo'

Xénero: Fusión | 15 / 7 / 2025

Cristian-Silva-home-tranquilo.jpg

Dez anos pasaron desde o seu disco de debut en solitario, 'Ego' (2015), e Cristian Silva ven de presentar un segundo álbum tras do que hai cinco anos intensos de preparación. O gaiteiro, acordeonista e percusionista de Carril recolle en 'Un home tranquilo' (Inquedanzas Sonoras, 2025) dez temas nos que arredor da gaita, a zanfona eléctrica ou da frauta, tece un lenzo no que a tradición busca os reflexos da contemporaneidade máis absoluta, deixando que o eléctrico e o acústico, o propio e o alleo, dialoguen sen constrición de xénero previa, introducindo bases electrónicas e instrumentos diversos. Como xa ofrecera no seu primeiro traballo, o músico deixa sitio para un pop-rock do estilo 'indie', sen perder de vista outras influenzas, sempre sobre a base da súa formación tradicional. Gravado entre Galicia e Madrid, para Un home tranquilo, Silva contou con músicos como Miguel Lamas, Niño Bruno, Pablo Pérez, Xosé Miguélez, Antonio Rodríguez, Adrián Saavedra ou Ana Fernández, e a colaboración especial do grupo de Caldas, IGLOO. O disco está dispoñible en plataformas dixitais, así como en fomatos físicosd e CD e vinilo. Silva presentará en directos este traballo o vindeiro 12 de outubro na Sala Capitol de Santiago.

Todo el Largo Verano volven para compartir un tempo de vagar

Xénero: Pop | 10 / 7 / 2025

TLV_noitemaiscurta.jpg

'Na noite máis curta' (Ferror Records, 2025) é o sexto disco longo de Todo el Largo Verano (TLV), o proxecto liderado por Alberto Amigo e que completan Carolina Rodríguez, Luis Paadin, Luis Blanco, Danny Abeledo, Elisa Sardiña, Camilo Fraga e José Carlos Iglesias "Joshua". O disco, escrito e producido por Amigo, créase conceptualmente a partir do tema que pecha o traballo, "Unha tarde no campo", e a súa idea é de celebración das noites de verán e do de vagar sinxelo e gozoso desta estación. Os trece cortes que o compoñen pódense dividir en catro momentos temporais: sesta, serán, noite e amencer. O disco foi gravado e mesturado en El Tercero por Amigo e en RRStudios por Danny Abeledo, onde tamén foi masterizado. A banda recoñece neste traballo as influencias das conacións de The Millenium, The Beach Boys, Belle & Sebastián, The Waterboys, The Beatles, Bob Dylan e Burt Bacharach entre outros. O son, moi apoiado nas cordas e incluíndo ruídos da natureza, para o que conta tamén co Cuarteto Morris, busca a explotar a capacidade máis evocadora cara as sensacións que quere transmitir. O traballo está dispoñible no formato físico en CD e tamén nas plataformas dixitais.

Carabela publican 'Club A Noite (REMIX)'

Xénero: Electrónica | 7 / 7 / 2025

carabela_club_anoite.jpg

Case exactamente un ano despois de sacar o álbum 'A noite' (2024) e tendo gañado polo medio o XVI Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a área de cultura da Deputación da Coruña, a banda noiesa Carabela publica 'Club A Noite (REMIX)' unha recupración daqueles temas desde outra perspectiva. Nas súas sete pistas o grupo incide no carácter máis electrónico e rítmico para outorgarlle aos seus temas espazo nas pistas de baile techno, desde a confluencia coa música tradicional. O disco engade ademais numerosas colaboracións de outros artistas da escena electrónica galega, como RAWLA, Remora, ELBA, Midori ou Juait, deixando unha instantánea do bo nivel polo que na actualidade está a pasar o xénero no país, necesitado de espazos onde amosar todo este talento. Nos sete temas de 'Club A Noite (REMIX)' a banda sitúanos na escuridade das pistas de baile do techno e os seus subxéneros, coas cadencias tribais e as atmosferas cósmicas ás veces, hipnóticas outras, creando capa sobre capa un traballo cheo de sutilezas e potencia.

Fillas de Cassandra marcan os tempos lentos do artesanal

Xénero: Fusión | 2 / 7 / 2025

imaxe non dispoñible

A creación artesá en diversas modalidades, a pausa, a construción social do tempo, son os eixos de reflexión sobre os que o dúo Fillas de Cassandra fixo medrar o traballo 'Hibernarse' (Altafonte, 2025) que ven de presentar en dúas accións no Museo MARCO e na Fundación Luís Seoane. Este EP, que contén catro temas (feito a man, arderse, quebrantarse e hibernarse) que foron facendo públicos ao longo dos pasados meses, vai máis alá do musical e as reflexións conceptuais que o inspiran trasládanse a outros formatos.

Guadi Galego presenta un libro-disco

Xénero: Cantautor | 10 / 6 / 2025

imaxe non dispoñible

O mar, a amizade ou o amor son os temas sobre os que está construído este novo traballo da cedeirense Guadi Galego, unha das autoras máis relevantes da nosa escena musical desde fai case trinta anos que segue a enriquecer a súa carreira musical dun xeito persoal e afastado de tendencias. Autoeditado neste mesmo mes, con varios dos temas aínda por presentar, 'Pélago. Contos Oníricos' é posiblemente o traballo mais intimista da artista e neste novo formato ofrece a súas letras xunto coas ilustracións de María Maquieira. Os 9 temas deste traballo, compostos por Guadi Galego, son todo un canto ao mais persoal, mais próximo, transmitindo un conxunto de emocións , inquedanzas, e desexos, que entronca coa imaxinación dos contos e coa ensoñación. Non está Guadi soa, conta con outros artistas como Luís Fercán, co que colabora no tema 'Bailar', un dos dous avances do álbum, que xa está dispoñible en formato físico e o vindeiro día 20 de xuño estará completo nas plataformas. Galego aínda non ten previsión de levar os temaso ao escenario.

Galician Army presenta o seu primeiro disco de temas propios

Xénero: Electrónica | 5 / 6 / 2025

VALURIA_CAPA..jpg

'Valuria' (Esmerarte, 2025) é o título do álbum de debut con temas propios do dúo de produtores de música electrónica de baile Alberto Prado e Sergio Vallejo, que artisticamente asinan como Galician Army. Habituais movendo ao baile desde os escenarios de festivais e clubes de electrónica desde fai case unha década, as súas colaboracións con outros artistas galegos de xéneros musicais variados a través de remesturas para formacións como Tanxugueiras o The Rapants abriron camiño cara o que foi o seu primeiro traballo discográfico, NÓS (Esmerarte, 2023), con remesturas de artistas como Luar Na Lubre, Xoel López ou Xosé Lois Romero & Aliboria, entre outros. Nestes últimos tempos consolidaron ademais ese vencello co resto da escena galega a través de celebradas colaboracións con artistas como Grande Amore & Futuro Alcance, Cool Nenas, Maríagrep ou Boyanka Kostova. Desde hoxe xa este dispoñible nas plataformas este 'Valuria' do que xa so foron avanzando algúns temas como 'Esta ciudad', en colaboración con Iván Ferreiro.

. 1 a 10 de 1447 . Seguinte \ Fin >>