Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Cincuenta e sete proxectos na fase final dos Premios Martín Códax

Xénero: Miscelánea | 8 / 5 / 2025

imaxe non dispoñible

As portas das Bodegas Martín Códax, en Cambados, abríronse este mércores para celebrar a festa de finalistas dos 12º Premios Martín Códax da Música, promovidos por Músicas ao Vivo. Tras a votación do xurado profesional, corenta e cinco bandas e artistas, tres por categoría, son os proxectos que pasan á segunda fase da edición. Foron desvelados ademais os nove proxectos finalistas nos tres Premios Organistrum: Salas, Festivais, e Comunicación e Difusión Musical. Tamén, os artistas emerxentes, na categoría de mesmo nome na que este ano son finalistas Ash Diz, Paracetafolk e Ulex. Cincuenta e sete proxectos recolleron o seu agasallo das Bodegas Martín Códax en recoñecemento pola súa inclusión na fase final de votación. A partir do 8 e ata o 25 de maio, as socias e socios de Músicas ao Vivo poden votar os seus favoritos e, como xa aconteceu o pasado ano, o público xeral; o 28 de maio, a gala, no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Mondra publica o seu agardado novo álbum

Xénero: Electrónica | 6 / 5 / 2025

mondra_deronda.jpg

Desde hoxe xa está dispoñible en plataformas dixitais 'De ronda', o segundo traballo discográfico de Mondra. O novo disco do cantareiro e bailador chega dous anos despois do seu debut con 'ARDĒN' (Altafonte, 2023), un traballo que recibiu numerosos recoñecementos e que impulsou ao artista á primeira liña da escena musical galega, sendo quen de recibir o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por 'MARIMONDRA'. A sexualidade, o amor propio, a celebración, a comunidade e o valor da mocidade son os temas que atravesan as 11 cancións cheas de irreverencia e desenfado. Segundo a proposta trátase de "11 estados do corpo" nos que aborda "a sedución, seducir ou ser seducido", e nos que Mondra presenta un novo son, orgánico e fresco da man da produción musical de Hevi en Laboratorio Soyuz sen perder o seu diálogo constante con elementos propios da tradición oral galega.

FAIA presenta o seu segundo disco 'Alvela'

Xénero: Folk | 24 / 4 / 2025

imaxe non dispoñible

FAIA presenta o seu segundo disco en solitario, 'Alvela', un traballo complexo e sutil, como xa fora 'Ao cabo leirín' (2019), con dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. A artista, membro da formación De Vacas, o Coro Encaixe ou Apatacón revisa neste proxecto persoal arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular.

O Museo do Pobo presenta a súa programación sobre as Cantareiras

Xénero: Folk | 9 / 4 / 2025

imaxe non dispoñible

Este venres, 11 de abril, o Museo do Pobo Galego inaugurará a exposición 'Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión', producida co gallo da homenaxe das Letras Galegas 2025 ás creadoras e transmisoras da poesía popular oral. Trátase dunha mostra que recompila materiais sonoros, procedentes dos fondos do proxecto de recuperación, catalogación e dixitalización do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego e o arquivo gráfico e documental, así como pezas pertencentes á colección do Museo ou cedidas por particulares para a ocasión, ademais de material audiovisual realizado expresamente para o proxecto. Alén diso o Museo presentou o resto das actividades programadas ata finais de setembro que tamén irán na liña de poñer en valor a transmisión oral e ás cantareiras en particular. Comprende actividadsn sobre baile, charlas, concertos e accións didácticas,

Los Eternos presentan o seu novo disco 'San Antonio'

Xénero: Rock | 4 / 4 / 2025

loseternos_SAntonio.jpg

A banda Los Eternos ven de presentar o seu terceiro disco longo 'San Antonio' (Ferror Records/ Milana Música, 2025), o primeiro que gravan integramente en galego mantendo o seu característico son de americana. Tras "Vientos Solitarios" (Ferror Records / Cascaballo Records, 2019) e o remarcable "Sonora" (Ferror Records / Milana Música, 2021) a banda presenta un novo traballo intenso e emotivo que, talvez pola escolla lingüística, fáisenos aínda máis íntimo e achegado, pero que tamén é especial porque nel recolle unha dolorosa perda real, a de Arantza Navarrete, parella de Chewis e autora da maioría das letras do grupo, cuxa enfermidade marca este álbum.

Sofía Espiñeira presenta o seu segundo álbum 'Xeografías'

Xénero: Cantautor | 3 / 4 / 2025

xeografias_sofia_espineira.jpg

As "paisaxes internas e externas, os territorios que habitan dentro e fóra da pel" son a base sobre a que a mugardesa Sofía Espiñeira compuxo os 12 temas que conforman o su segundo disco 'Xeografías' (Autoeditado, 2025). O disco, que xa está dispoñible nas plataformas dixitais foi gravado en Abrigueiro Estudios contando coa produción musical de Arturo Vaquero. A compositora, ganadora do Premio Martín Códax da Música na categoría de Canción de autora en 2022 presenta aquí temas nos que afonda na súa mestura de músicas de raíz con resonancias de diversas culturas e coa canción de autora máis íntima y crúa. O videoclip do tema que dá nome ao álbum, publicado como adianto, dirixido por Lucía Estévez, foi finalista na pasada edición do Festival de Cans. O concerto de presentación será o vindeiro 25 de abril ás 22.00 horas na Sala Rebullón, en Mos. Espiñeira presentará as novas cancións en formato trío, acompañada por Yudit Almeida ao contrabaixo e Ailén Kendelman na percusión.

Medalla de Ouro das Belas Artes para a Coral Polifónica de Pontevedra

Xénero: Coral | 26 / 3 / 2025

imaxe non dispoñible

A Real Academia Galega de Belas Artes ven de outorgar a súa Medalla de Ouro "Marcial del Adalid" á Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, celebrando o centenario da súa fundación. A RAGBA recoñece nesta agrupación musical a "traxectoria acreditada dun século de actividade artística do máis alto nivel". Este galardón é o primeiro de ámbito galego recibido pola coral nos seus cen anos de historia.

Deleiba publican o seu primeiro LP

Xénero: Rock | 10 / 3 / 2025

DELEIBA_AOREVES.jpg

Nados como banda en 2017, e con temas presentados en EP e sinxelos ao longo destes anos, ademais de actuacións en directo en festivais, os Deleiba tiveron que agardar ata este ano para presentar o seu primeiros traballo de longa duración. 'Ao revés do mundo' (Deleiba, 2025) está producido polo coñecido músico e produtor Iago Pico, que xa colaborara noutras gravacións da banda, e gravado en Pouland Studios. Neste disco de once temas, a formación reúne algunhas das cancións que foi presentando estes anos e outras novas composicións. Todas entran dentro do son punk rock moi achegado ao metal. Con letras en galego sobre todo tipo de temas, desde o social ao íntimo. Nunha das cancións 'Sere-Bros Destruídos' contan coas colaboracións de Monolious Dop e Ula Mayo. O son, baseado en guitarreo ametrallador e contundente, percusión potente e importantes punteos non baixa o ritmo agás nun par de temas máis próximos á balada, pero tampouco o fai de todo, deixando espazo para o seu selo sonoro. O disco está dispoñible para escoita nas plataformas dixitais. A primeira das subidas ao escenario tivo lugar este pasado venres na Sala Sonar de Santiago, para o que contaron coa subida ao escenario do propio Iago Pico. O vindeiro día 14 de marzo estarán na Coruña, na Sala Filomatic.

Amoebo presenta o seu traballo dual 'Escándalo no escuro'

Xénero: Miscelánea | 7 / 3 / 2025

amoebo_escandalo.jpg

Desde hoxe está xa en plataformas o novo duplo disco de Amoebo, 'Escándalo no escuro (A e B)' (Autoedición). Neste dobre LP, unha das bandas seleccionadas para formar parte da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paideia, explora os ritmos urbanos, e mesmo latinos mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros. No novo traballo producido por David Fernández (Daiv) conviven dous estilos que a primeira vista poden parecer contrarios o urbano e o rock. Como liña coherente de ambas caras, os temas de 'Escándalo no escuro' presentan unha gran carga explícita de sexualidade desinhibida, diversión, paixón, escuridade e festa. Amoebo pode acadar con esta ampla panoplia de temas que o seu disco poida estar presente en calquera pista de baile actual.

Grande Amore lanza o seu "III" álbum

Xénero: Rock | 6 / 3 / 2025

not_37352.jpg

Xa chegou ás plataformas o novo álbum de Grande Amore. Titúlase III, seguindo a tónica iniciada desde o primeiro, e ofrece 11 cancións na liña frenética do grupo. A xira de presentación do novo álbum comezará en Ourense o día 14 de marzo e continuará por Lugo (15), Murcia, Alicante, Madrid, Zamora, Oviedo, Toledo, ou Coruña ou Santiago entre outras localidades. Para o novo disco, a banda preparou un conxunto de videoclips como Ontes fun moi malo, Ti e máis eu, en colaboración con Nacho Vegas, e está a rodar nestes momentos outro en Arzua a partir do tema Vou pa Arzúa. Este é o terceiro álbum que publica a banda, tras Grande Amore (2021) e II (2023).

. 1 a 10 de 1359 . Seguinte \ Fin >>