CRÍTICAS SOBRE Infantil-Xuvenil / 48
SOBRE O LIBRO "BACORIñO"
O porco rebelde
Bacoriño non é un porco normal: fala, discorre e cavila como calquera persoa. Razóns pola que Bacoriño non acepta conformarse co seu destino e emprenderá unha sucesión de aventuras. A escolla das tribulacións do porco no momento de se enfrontar á morte e a súa inesperada rebeldía proporcionan momentos verdadeiramente divertidos, apoiados polo comportamento da ampla galería de personaxes que pretenden, cada un cos seus recursos e consonte o papel que a tradición lles outorga, tirar algún partido.
SOBRE O LIBRO "O LUME DOS SOñOS"
Fantasía ameazada
Novela gañadora do 1º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2004,
nesta obra, dirixida a nenos e nenas a partir dos 8 anos, o autor introdúcenos de cheo no mundo da fantasía, cun relato no que a aventura e a fantasía desbordante agochan preocupacións de maior peso.
SOBRE O LIBRO "BOLBORETAS"
Bolboretas na boca
Para pais que quere levar á casa non só un libro para que os fillos lean, senón para ler con eles. Para aulas nas que a lectura é unha actividade tutelada. Unha actividade na que as dificultades están aí para axudar a progresar ao lector. Para que a lectura sexa unha creación de experiencias de coñecemento. Un texto delicioso –segundo Isabel Soto- cun perfecto equilibrio entre imaxes e palabras.
SOBRE O LIBRO "A ERA DE LáZARO"
Morte e resurrección
Unha novela de ciencia ficción rica e sorprendente para lectores e lectoras que gocen coa intriga e o medo. En "A era de Lázaro", segunda incursión de Paula Carballeira na novelística xuvenil, o argumento xira arredor do tema da resurrección dun morto e da cadea de consecuencias dese feito.
SOBRE O LIBRO "BOCA DA NOITE"
Respostas ao descoñecido
Ramón Caride ofrece neste libro un conxunto de flashes narrativos nun bo exemplo da hábil construción de personaxes e ambientes polo autor. Os lectores e lectoras deste volume, veranse conducidos nestes nove relatos que saen do corazón da escuridade polas continuas reviravoltas da realidade, por eses xiros inesperados que ofrecen os desenlaces, na constatación de que nada é como parece. Un abano de respostas diferentes ante o descoñecido que perturba a nosa realidade cotiá.
SOBRE O LIBRO "UN CROCODILO DEBAIXO DA CAMA"
Crocodilite primaveral
Con esta obra a escritora Mariasun Landa gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2003. Esta novela breve supón unha aposta por unha literatura infantil-xuvenil contracorrente, diferente, afastada de ideas preconcibidas e de tópicos. Un relato delicioso cun tema atípico. arriscado e aberto a moitas idades, no que, segundo Isabel Soto os adultos poden encontrar unha reflexión sobre a angustia e a soidade repleta de continuos acenos irónico-humorísticos, e os máis novos gozar do seu ritmo, a súa intriga e do seu estilo directo, sinxelo, evocador e de fácil lectura.
SOBRE O LIBRO "ONDE O SOL NON ADORMECE"
Descuberta do amor
Unha historia de amor e intriga ben dosificada na que o autor demostra a súa madureza como narrador. Isabel Soto comenta as claves desta novela atípica, pola súa temática, no xénero xuvenil. Dúas vidas condensadas en catorce días, unha esculca apaixonada do horizonte, das paisaxes e dos soños.
SOBRE O LIBRO "O MEU NOME é SKYWALKER"
De seres invisíbeis e olladas tristes
Agustín Fernández Paz é un dos autores máis prolíficos da Literatura Infantil e Xuvenil galega. Ao longo da súa traxectoria ten transitado polas máis variadas tendencias temáticas e formais, un labor recoñecido con galardóns dentro e fóra das nosas fronteiras. En xuño de 2003 recibía o premio Barco de Vapor de Literatura Infantil en galego polo relato “O meu nome é Skywalker”.