Bacoriño non é un porco normal: fala, discorre e cavila como calquera persoa. Razóns pola que Bacoriño non acepta conformarse co seu destino e emprenderá unha sucesión de aventuras. A escolla das tribulacións do porco no momento de se enfrontar á morte e a súa inesperada rebeldía proporcionan momentos verdadeiramente divertidos, apoiados polo comportamento da ampla galería de personaxes que pretenden, cada un cos seus recursos e consonte o papel que a tradición lles outorga, tirar algún partido.
1 / 2 / 2005
Isabel Soto. SantiagoA traxectoria de Antonio Reigosa está intimamente ligada á literatura oral, desde que en 1982 comezou a realizar investigacións sobre mitos e tradicións populares galegos. Anos despois, en 1992, participou na fundación do grupo Chaira, co que compilou e divulgou gran cantidade de materiais. A posta en marcha, xunto a Xosé Miranda e Xoán Ramiro Cuba, da colección “Cabalo Buligán” supuxo un chanzo máis neste camiño e converteuse nunha novidosa achega ao sistema literario galego no momento da súa aparición. O proxecto naceu coa intención de achegarlle ao lectorado máis novo unha escolma representativa de contos galegos de tradición oral, adaptados en contido e formato aos seus intereses e capacidade lectora. Desde entón, a aposta decidida polas posibilidades desta produción amósase tamén na obra en solitario de Reigosa, nomeadamente nos galardoados “Memorias dun raposo”, Premio Merlín 1998, e “Resalgario”, Premio Raíña Lupa 2000.
A narrativa popular volve ser a ineludible referencia de “Bacoriño”, un relato que sorprende polo seu dinamismo, debido en boa medida á sucesión constante de aventuras, á irrupción de personaxes e a unha temporalización marcada nos epígrafes elixidos para titular os capítulos. Mais é a vertente humorística o “enganche” fundamental da narración. A escolla das tribulacións dun porco no momento de se enfrontar á morte e a súa inesperada rebeldía proporcionan momentos verdadeiramente divertidos, apoiados polo comportamento da ampla galería de personaxes que pretenden, cada un cos seus recursos e consonte o papel que a tradición lles outorga, tirar algún partido: os irmáns Aznarández, agresivos vendedores e clónicos doutros que andan nas aventuras dun tal Tintín; todos os San Martiños que baixan do ceo reclamando o seu papel protector dos porcos; a moura do castro que agarda ser desencantada aínda que sexa por Bacoriño; ou o avarento e lareto tendeiro Policarpo. Son moitos os recursos humorísticos empregados no relato, dende a ironía até a utilización do escatolóxico, aínda que tras do humor se agochan críticas sutís ás teimas máis actuais da sociedade e ao esquecemento e conseguinte mudanza de certos costumes. Véxase neste sentido o sensacionalismo mediático e a parodia do afamado xornalista Lois Ardido, ou o interese do Técnico Cualificador Castor Gagá en outorgarlle a Bacoriño o distintivo de especie protexida para asegurar as suculentas subvencións.
As estratexias textuais recorrentes na produción oral aparecen en certos momentos, subvertidas e cuestionadas pola omnipresente voz do autor/cronista, por veces desposuído de autoridade e vítima, igual có seu personaxe, da “tirana” e explícita Voz da Tradición. O xogo ficcional lévalle a ofrecer até oito solucións posibles, sustentadas todas elas na sabedoría popular, baixo a forma de refráns e sentencias, para intentar sacar do sarillo a Bacoriño.
Humor e ritmo, unidos a unha linguaxe de extraordinaria riqueza, demostran unha vez máis a capacidade de Reigosa para tirar partido da tradición oral galega, integrando sabiamente os seus temas e recursos. As ilustracións de Andrés Meixide explotan habilmente os trazos humorísticos, outorgándolle á lectura visual un valor engadido.