Con esta obra a escritora Mariasun Landa gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2003. Esta novela breve supón unha aposta por unha literatura infantil-xuvenil contracorrente, diferente, afastada de ideas preconcibidas e de tópicos. Un relato delicioso cun tema atípico. arriscado e aberto a moitas idades, no que, segundo Isabel Soto os adultos poden encontrar unha reflexión sobre a angustia e a soidade repleta de continuos acenos irónico-humorísticos, e os máis novos gozar do seu ritmo, a súa intriga e do seu estilo directo, sinxelo, evocador e de fácil lectura.
26 / 4 / 2004
Isabel Soto. SantiagoMariasun Landa (Rentería, 1949) é xunto a Bernardo Atxaga unha das figuras máis coñecidas e traducidas do panorama literario vasco. En outubro de 2003 acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por "Krokodiloa ohe azpian" (Un crocodilo debaixo da cama), o primeiro relato escrito en vasco ao que se lle concede este recoñecemento. Os lectores e lectoras galegos teñen a oportunidade de gozar deste fantástico texto grazas á tradución ao galego que vén de aparecer da man de Galaxia coas expresivas e novidosas ilustracións de Enjamio.
O universo literario de Mariasun Landa está impregnado de lirismo e de tenrura e habitado por seres especiais e solitarios. Parte das súas obras transitan por unha liña fantástica que non renuncia á crítica social e ao humor e que apostan por temas que poderían considerarse pouco adecuados para o lectorado mozo. Neste conxunto de trazos debe situarse este excelente relato que presenta xa no seu título o elemento estraño que focaliza a intriga e que empuxa a adentrarse na historia.
J.J. é un solteiro solitario que descobre un bo día un enorme crocodilo debaixo da súa cama. Coas sinxelas pinceladas que se ofrecen nos primeiros capítulos descubriremos a vida rutineira que leva este personaxe, o desarraigo no que vive dende o seu traslado á cidade, o interese que pon no coidado dos seus zapatos dende que estes serviron para avergoñar a súa conduta de solteiro desleixado ante Helena, a compañeira de traballo pola que se sente atraído sen se atrever a manifestar os seus sentimentos. Axiña se introduce o elemento estraño neste universo cotián, a aparición do crocodilo vén poñer de manifesto, de súpeto, esa falta sempre presentida de algúen con quen compatir o arreguizo, o medo, en definitiva, a vida. J.J. aplica a súa lóxica ao estraño acontecemento coa intención de solucionar o problema, mais descobre que só el é quen de percibir a existencia do animal e daquela toma conciencia da súa enorme soidade e da necesidade de aprender a vivir con ese gran segredo, alimentándoo con toda clase de zapatos, zapatillas, zocos, botas ou sandalias. A visita ao doutor Bulebule proporciónalle o tratamento necesario, o Crocodifil, e as instrutivas informacións do boticario o recoñecento dunha enfermidade habitual dos nosos tempos. A lectura do prospecto dos comprimidos é reveladora, xa que J.J. traduce en palabras as súas sensacións e, á vez, nace a súa ilusión de atopar os azos necesarios para conquistar a Helena. Mais a súa situación agrávase e a recuperación pasa polo necesario descanso. Coa súpeta visita de Helena albíscase a solución do problema: ambos comparten unha vida solitaria e posúen cadanseu crocodilo, convertido en metáfora da angustia, da soidade, da depresión, e que actúa como un espello no que proxectar todos estes sentimentos, así que a súa relación pode que teña un futuro. Un final indeterminado que presenta o amor como un camiño de esperanza mais non como a saída definitiva, pois o crocodilo, coa presenza de Helena, axiña se converte en lagarta pero pode volver aparecer calquera día. Non queda máis terapia que aprender a vivir co crocodilo sempre ameazante.
En definitiva, un relato delicioso cun tema atípico e arriscado e aberto a moitas idades, no que os adultos poden atopar unha reflexión sobre a angustia e a soidade repleta de continuos acenos irónico-humorísticos, e os máis novos gozar do seu ritmo, a súa intriga e do seu estilo directo, sinxelo, evocador e de fácil lectura.