Puntuación: 2.5/5 (83 votos)
Cando un ve crocodilos na casa algo vai mal.
Algo que un nunca pensou e que tampouco sabe explicar.
J.J., o protagonista deste libro, ten un crocodilo que come zapatos. Está debaixo da súa cama. E só el o pode ver. Mal asunto...
Con “Un crocodilo debaixo da cama”, a coñecida escritora Mariasun Landa acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2003, que agora Galaxia edita en galego. Esta novela breve supón unha aposta de Landa por unha literatura infanto-xuvenil contracorrente, diferente, afastada de ideas preconcibidas e dos tópicos. En realidade estamos diante duna obra aberta a calquera lector na que a autora toca temas tan serios e espiñentos como a dificultade da persoa na sociedade actual para atopar un lugar de seu. A soidade, o medo ao fracaso, a depresión e outras pantasmas propias da vida moderna compoñen os fíos argumentais cos que Mariasun Landa teceu esta novela concisa, de estilo áxil e limpo e humorismo -a pesar da temática tratada- desbordante.
“Un crocodilo debaixo da cama” está ilustrado a toda cor por Enjamio, pintor e ilustrador cubano afincado en Galicia desde hai anos, que deu ao prelo algunhas das propostas de ilustracións de libros infantís máis novidosas e chamativas da última década.
[presentación editorial]