Agustín Fernández Paz é un dos autores máis prolíficos da Literatura Infantil e Xuvenil galega. Ao longo da súa traxectoria ten transitado polas máis variadas tendencias temáticas e formais, un labor recoñecido con galardóns dentro e fóra das nosas fronteiras. En xuño de 2003 recibía o premio Barco de Vapor de Literatura Infantil en galego polo relato “O meu nome é Skywalker”.
22 / 12 / 2003
Isabel Soto. Santiago
Aínda que a primeira vista o título pareza agochar un relato de ciencia ficción, estamos ante unha historia amarga que conxuga habilmente a fantasía cunha realidade absolutamente cotiá. Fernández Paz bota man do imaxinario cinematográfico, como en tantas outras ocasións na súa obra, utilizando o nome do heroe de "A guerra das Galaxias" como referente contextualizador da dimensión fantástica. A cita de Manu Chao que encabeza o volume achéganos así mesmo unha consigna á que o relato se manterá fiel: a tristura nos ollos dun home de vida errante.
O tratamento de temas como a emigración, a pobreza e a exclusión social talvez poidan parecer, pola súa extremada dureza, pouco axeitados para o público infantil. O autor afástase, unha vez máis e na miña opinión de xeito consciente, dos temas máis ao uso nesta produción e faino pasando unha realidade tráxica e cruel polo filtro da tenrura e do lirismo e mesturándoa coa fantasía.
Un dos valores do texto é a presenza de varios niveis de lectura e, neste sentido, constitúe un bo exemplo desa idea reiterada en diversas ocasións por Fernández Paz, cando afirma, de acordo co escritor catalán Joles Sennell, "literatura infantil é aquela que tamén poden ler os nenos". Desde a perspectiva adulta, o retrato dun comportamento habitual que chega a estremecer, e desde o lectorado infantil a aventura que supón o coñecemento dun ser invisíbel, só descuberto grazas á observación e á intelixencia dunha nena. Dúas liñas que decorren paralelas como paralelos son os mundos representados e, á vez, fantasía que nace da transformación radical da realidade, grazas á complicidade que nace entre Raquel e o "visitante das estrelas".
A rapaza, talvez porque é pequena, repara na presenza dese home de estrafalario aspecto que, a pesar da súa abordaxe pública cun cartel e unha caixa nas mans, non recibe nin unha soa ollada, nin un aceno, nin unha palabra. A conclusión é lóxica desde o seu punto de vista: é un home invisíbel! A partir deste extraordinario descubrimento xorde a amizade e confórmase un segredo que ambos van compartir. Desde ese momento, ese home que fala con acento estranxeiro e que porta unha tristeza evidente nos ollos, pasa a ser Skywalker e vai improvisando unha historia que só é unha mentira a medias. É certa a súa invisibilidade ante os adultos; tamén dorme na Lúa, aínda que non na do ceo senón baixo o rótulo da zapataría "Lúa Nova" xunto con todos aqueles que "estudan o planeta". Tan só cando a incesante curiosidade de Raquel está a piques de rachar ese disfrace de ciencia-fición, tras a súa descuberta dos "homes da noite" que dormen nas portas dos comercios do centro, Skywalker decide proseguir o seu camiño e marchar nun tren cara a outra cidade descoñecida, a carón doutros homes invisíbeis coma el.
Tras a lectura deste relato resulta case imposíbel ficar indiferente, polo retrato dunha actitude tan cotián coma condenábel: fechar os ollos ante a miseria, converter en invisíbeis a seres humanos coma nós. Fantasía e realidade mesturadas que retratan un problema social de actualidade.