Puntuación: 2.2/5 (88 votos)
Desde a fiestra do seu cuarto piso, Raquel descobre entre a marea de xente que entra e sae do novo supermercado a un home de pantalón negro, chaqueta estrafalaria, pelo branco e unha pequena caixa na man dereita. Mais ninguén repara nel. Todos pasan ao seu lado sen miralo, como se fose transparente, excepto os nenos. E cando estes, sorprendidos, o ollan, os pais tiran deles para non deter a súa marcha. Tampouco a mai da rapaza pareceu velo, nin ao entrar nin ao saír de comprar, aínda que el se lle puxo practicamente diante. Desde ese día, Raquel, intrigada, ofrécese a baixar polo pan ou o periódico e obsérvao de preto: ten pelo branco, barba de dous días e na ollada unha tristeza infinita. Até que se atreve a dicirlle que coñece o seu segredo: é invisíbel, por iso os maiores non o ven. El cóntalle co seu acento estranxeiro que é un visitante das estrelas, un explorador doutro planeta, que vén estudar os homes, pois sabe o que pensan cando pasan á súa beira. Chámase, seica, Skywalker, como o da Guerra das Galaxias, que significa "o que percorre o ceo". Ela comprométese a gardarlle o segredo.