11/10/2024
Pontevedra porá case dous millóns de euros para apoiar os Premios Feroz
A celebración en Pontevedra nos anos 2025 e 2026 dos galardóns audiovisuais nacionais Premios Feroz e a programación relacionada con eles custará 800.000 euros (máis IVE) cada ano á arcas municipais. Así queda consignado no convenio asinado onte polo Concello coa Asociación de Informadores Cinematográficos de España, organizadores dos galardóns. O convenio por dous anos cubrirá, ademais da organización da gala do 25 de xaneiro, toda a programación relacionada cos Premios Feroz, incluíndo as diferentes proxeccións, obradoiros e actividades que se organizarán ao redor do evento; unha programación que xa está en marcha. .
Amplía a nova>>
11/10/2024
O VIº Premio Luísa Villalta galardoa oito proxectos pola igualdade
O Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña ten por obxecto o fomento da igualdade mediante a realización de proxectos que usando de calquera disciplina artística (música, literatura, escena, imaxe, arte urbana ...) poñan en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres e/ou contribúan de forma relevante ao avance no asentamento social da aposta pola igualdade de xénero, a loita contra a violencia de xénero, a diversidade sexual e interseccionalidade. De entre as 34 propostas presentadas na sexta edición destes galardóns, oito foron os proxectos que acadaron o favor do xurado e que recibirán 12.500 euros cada un. Entre as persoas e entidades galardoadas nesta ocasión están o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, a produtora creativa Illa Bufarda e Mala Herba Producións..
Amplía a nova>>
07/10/2024
As olladas máis introspectivas triunfan no 21 º Curtocircuíto
A vixésimo primeira edición do Festival Internacional de Cine CURTOCIRCUÍTO puxo o remate á semana onte cunha gala de clausura celebrada no Teatro Principal onde fíxose público o palmarés completo das tres seccións competitivas do certame así como dos premios especiais. Traballos moi autobiográficos ou de exploración da intimidade propia das realizadoras foron recoñecidos polos diferentes xurados. Na sección dedicada á realización galega, Planeta GZ, copada este ano por traballos de corte documental, o premio foi para a peza 'Humedalia' de Irene Sáenz Carballeira, unha peza de corte autobiográfico, facendo o xurado unha mención especial para 'La fotografía velada' de Sabela Eiriz. Na sección Supernova, dedicada a cineastas emerxentes galegas, o premio levouno a curtametraxe 'Pura', da realizadora e actriz Carmen Méndez, no que acompaña a súa nai e a súa aboa nun percorrido polos recordos que serve de reconciliación coas súas orixes . Este traballo tamén levou o Premio Cátedra Cruz Vermella - USC. .
Amplía a nova>>
04/10/2024
A arte cinematográfica contemporánea toma o CGAC
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) reunirá a preto dunha decena de profesionais do audiovisual de España e Portugal co gallo da inauguración hoxe de 'Novos Imaxinarios', a nova mostra do museo santiagués comisariada polos artistas Nicolás Combarro e Miguel Ángel Delgado, na que se afonda na creación cinematográfica máis recente. As salas do museo da capital galega acollerán unha reflexión sobre o cinema máis alá da pantalla, onde conflúen as prácticas cinematográficas e os espazos artísticos a partir da selección da obra de recoñecidos artistas do cinema contemporáneo. A carón desta exposición tamén haberá unha serie de actividades paralelas como proxeccións, xornadas de investigación, conferencias ou mesas redondas. Esta exposición estará nas salas do CAGC ata o vindeiro 12 de xaneiro..
Amplía a nova>>
03/10/2024
'Los destellos' de Pilar Palomero obtén a Calpurnia a Mellor Película do OUFF
O Ourense Film Festival (OUFF) presentou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense o Palmarés da súa 29ª edición. Na Sección Oficial internacional a película 'Los destellos', da directora Pilar Palomero, foi a elixida para levar o gran premio do certame, a Calpurnia á Mellor Película. Na Sección Oficial Panorama Galicia foi o documental de Adrien Bordone 'Mes amis espagnols' o que levou o Premio Xacobeo á Mellor Película. No filme de Bordone, este afonda no tema da emigración dende a experiencia dos fillos de emigrantes en Suíza que, en plena adolescencia, teñen que trasladarse a Galicia. Tamén en Panorama Galicia, o Premio Ourense Film Commissión á Mellor Dirección recaeu en Emilio Fonseca, director ourensán, por 'Salvaxe, Salvaxe', un ensaio fílmico no que a cámara entra nos montes galego-portugueses procurando imaxes e ausencias do lobo ibérico. O xurado valorou de xeito especial "a hibridación de xéneros, o risco formal, o achegamento á natureza e a aportación de ofrecer ao espectador aquilo que non se pode ver". Seguindo na sección dedicada a Galicia, o 'Paisaje Épico', de Valeria Roig, levou o recoñecemento a Mellor Guión mentres que o de Mellor Interpretación foi para Aurora, a protagonista do documental da viguesa Area Erina, do mesmo nome. Unha historia na que dúas mulleres, Aurora e Area, de idades e experiencias distintas, crean unha relación íntima de conversas sobre a morte, a familia, a guerra ou o papel da muller. .
Amplía a nova>>
02/10/2024
'A lingua das bolboretas' mete a Allariz na lista de Lugares de Interese Cinematográfico
A rodaxe no ano 1998 do filme 'A lingua das bolboretas' de José Luis Cuerda, baseado na novela homónima de Manuel Rivas, ven de servir como motivo para incluír a vila de Allariz na lista peninsular de Lugares de Interese Cinematográfico - LIC. Representantes de oito Academias de Cine e Audiovisual da península presentaron no marco do OUFF os lugares seleccionados este ano coa distinción. As academias recoñecen con esta distinción os lugares que teñen unha especial importancia para a industria audiovisual, tanto polo seu valor histórico como pola súa relevancia na produción cinematográfica ou o seu significado simbólico. O obxectivo desta distinción é destacar a riqueza cultural e audiovisual destes lugares, así como promover a conservación e posta en valor destes espazos que xogaron un papel fundamental na construción da identidade audiovisual da península. A localidade ourensá é a representante galega deste ano a instancias da Academia galega do Audiovisual, nun listado que tamén inclúe o Casco histórico de Córdoba, o castelo de Loarre, o Xixón de Volver a empezar', os Estudios Balcázar, Cáceres como Conxunto Histórico e Monumental, o café Vá-Vá lisboeta e a localidade de Peñíscola. Estes lugares engádense a unha lista comezada o pasado ano e na que xa figuraba por Galicia a aldea de Facós en Lobeira (Ourense), onde en 1940 tivo lugar a rodaxe da película documental do cineasta ourensán Antonio Fernández-Román con guión e produción de Xaquín Lorenzo 'Xocas', 'O carro e o home'. .
Amplía a nova>>
01/10/2024
A curtametraxe 'Corre o vento' gaña un certame de cine xuvenil en Barcelona
A sexta edición do festival U22 para curtametraxes xuvenís de Barcelona ven de recoñecer como gañadora a peza 'Corre o vento', ópera prima de Paula Fuentes e Guirllermo Carrera, rodada no Courel. O filme, co-producido desde a Escuela Superior de Cine y Audiovisuales de Cataluña, cunha axuda a través de ESCAC Films, enfronta con formato de documental dramatizado o fenómeno da despoboamento do rural, enfocado neste caso en varias aldeas de Folgoso do Courel, principalmente Vilar. Fuentes e Carrera, guionistas e realizadores, son estudantes da ESCAC e galegos, concretamente Paula Fuentes ten as súas raíces en Vilar. O proxecto está apoiado tamén polo Concello de Folgoso do Courel e pola Fundación Uxío Novoneyra, e buscou tamén financiamento na plataforma Goteo para completar o seu orzamento. O festival U22, que se celebrou entre os pasados días 25 e 29 de setembro, está dirixido a realizadores emerxentes, con idades ata os 22 anos, e tivo unha competición oficial entre vinte obras seleccionadas entre más de 350 presentadas. O filme poderá verse en Santiago de Compostela este xoves no marco do festival Curtocircuíto..
Amplía a nova>>
26/09/2024
Galardón para Fernando Rey no OUFF polo trinta cabodano
O nome do desaparecido actor coruñés Fernando Rey leva anos a ser o que dá empaque a un dos premios de honra da Academia Galega do Audiovisual, agora é el o obxecto dunha homenaxe póstuma por parte do Ourense Film Festival (OUFF) que na súa 29ª edición dedícalle o Premio Memoria Histórica. Será dentro da sección Ouffemérides que o festival lembrará este ano ao actor nos 30 anos do seu pasamento. Fernando Rey (A Coruña, 1917 - Madrid, 1994) foi unha das grandes figuras do cinema nacional, o actor galego máis internacional do pasado século. Traballou con directores da talla de Luis Buñuel, Carlos Saura ou Jaime Chávarri e logrou o salto internacional con Orson Welles, Vicente Minnelli ou Ridley Scott, entre outros. Xustamente serán os cineastas que traballaron con el, Manuel Gutiérrez Aragón e Jaime Chávarri os que entregarán o galardón ao seu fillo, Fernando Casado. .
Amplía a nova>>
25/09/2024
O Festival de Cans crea unha 'asemblea de nenos'
O Festival de Cans constituiu unha nova ferramenta de participación da comunidade: a Asemblea de Nenos. A el concorreron unha vintena de nenos da aldea con idades entre os 8 e 16 anos, co obxectivo de dar a súa opinión ao redor da programación do festival. A asemblea pediu unha sección de cine de animación específica para nenos, máis contidos fantásticos, así como máis actuacións musicais e cursos de formación audiovisual. Pero os nenos en cans tamén traballan como "guías dos camiños" e vanse integrando na estrutura da organización. "Agora mesmo hai sobre 15 rapaces que naceron co festival e que, desde que cumpriron 18 anos, son contratados para asumir diversas funcións como control de acceso ás salas, produción, rexiduría de espazos ou coordinación de diversas actividades", sinalan desde o Festival. .
Amplía a nova>>
23/09/2024
A 29 edición do OUFF continúa a súa aposta polo cinema galego
Ourense acolle, entre o 27 de setembro e o 6 de outubro, a proxección dun total 60 filmes no marco da vixésima novena xeira do Ourense Film Festival (OUFF). As diferentes seccións do evento reúnen producións de 19 países a concurso na sección oficial. A selección realizouse sobre un total de 350 propostas a concurso chegadas de 54 países a esta cita que organiza a Fundación Carlos Velo co patrocinio da Deputación de Ourense e o apoio da Xunta de Galicia..
Amplía a nova>>