Novas | 81 a 90 de 4200

<< Anterior Siguiente >>

28/10/2024
Un novo programa achega oito montaxes teatrais a Agalega.gal

Este 24 de outubro o web Agalega.gal, espazo en liña da Televisión de Galicia, estreaba unha nova proposta teatral. Fila 1. Butaca G presenta adaptacións á linguaxe televisiva de oito montaxes teatrais de compañías galegas, dispoñibles baixo demanda para todo o público. Tamboura Films correu con esta produción pioneira no audiovisual e no teatro do país.. Amplía a nova>>

25/10/2024
A Mostra Mares da Fin do Mundo arriba en Ribeira

Tras varias edicións celebrándose no Concello de Outes, e previamente en Carnota, a Mostra Internacional de Cinema Documental mares da Fin do Mundo cambia este ano de porto e de ría, levando a súa sétima edición a Ribeira. Este encontro vencellado sempre ao audiovisual enfocado no eido mariño e pesqueiro dará comezo o vindeiro martes coa apertura da exposición fotográfica 'Xente no medio' de Maribel Longueira (A Coruña, 1951) no Centro Cultural Lustres Rivas. Esta exposición forma parte do programa de actividades paralelas do festival, que inaugurará as proxeccións o mércores co filme indo-francés ' Remando a la deriva' de Sarvnik Kaur, sobre a pesca en Bombai. Na sección oficial competirán 16 filmes dunha ducia de nacionalidades diferentes, incluíndo este ano un filme franco-palestino sobre o traballo da pesca en Gaza, e nas sesións especiais contarase, entre outros cos traballos 'Echo Alfa Delta Zulu' de Adrián Canoura e Anxo Rodríguez, resultado dun proceso de investigación arredor do mar e o arquivo sonoro/audiovisual existente, tanto na cultura, como na rede. O filme de clausura, o domingo 3 de novembro, será a curtametraxe documental 'Voces da conserva', de Lesmes Iglesias, que narra o auxe da salgadura e os comezos da conserva hermética en Barbanza-Arousa. O progrma , como é habitual neste evento, contará con faladoiros, obradoiros e varias actividades complementarias.. Amplía a nova>>

24/10/2024
A Mostra de Curtas de Noia celebra o seu 25 aniversario

A Mostra de Curtas 'Vila de Noia' xa ten todo preparado para súa celebración de 25 aniversario. O programa desta edición tan sinalada comeza este luns, 28 de outubro coa súa sección Curtacativa que achega as curtametraxes aos estudantes dos centros de ensino do concello, e rematará o 9 de novembro, cando terá lugar a gala de entrega de premios. Segundo a organización o certame recibiu 1200 curtametraxes de todo o mundo de entre os cales o xurado fixo unha selección de 50 pezas para as tres categorías en concurso: Ficción, Animación e Galicia Amateur. O programa inclúe ademais as proxeccións das longametraxes '+ Cuñados', dirixida polo noiés Luis Avilés e 'Matria' de Álvaro Gago. O Coliseo Noela recibirá aos directores e boa parte dos elencos artísticos, cunha alfombra vermella na que sa é habitual ver cada ano a rostros moi coñecidos do audiovisual. Ademais a sección fóra de concurso 'Cousas de aquí' estará dedicada ao mar proxectando documentais sobre a pesca de baixura.. Amplía a nova>>

21/10/2024
Aumenta o orzamento de apoio ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais

A Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), publica hoxe no Diario Oficial de Galicia unha resolución pola que amplía o financiamento asignado ás axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais convocadas o pasado mes de agosto. Esta liña de apoio as tarefas previas á produción de proxectos galegos de longametraxes e series tanto de ficción, como de animación ou documentais contaba cun orzamento inicial de 300.000 euros , o mesmo que no ano 2023, e agora vese incrementado ata os 440.000 euros nesta nova resolución que inclúe unha nova distribución bianual.. Amplía a nova>>

21/10/2024
O VII Intersección achega á Coruña 70 filmes de 13 países

Este 22 de outubro bota a andar na Coruña a sétima edición do Intersección. O Festival Internacional de Cinema conta nesta xeira cun total de 70 filmes de 13 de países, dos cales 42 competirán nas tres categorías a concurso ata o vindeiro 26 de outubro. Dentro destes, inclúense cinco estreas mundiais e oito estatais.. Amplía a nova>>

21/10/2024
Chus Pato e Jaione Camborda entre os galardoados na Fundación Premios da Crítica

A Fundación Premios da Crítica entregou este sábado en Vigo, tralas deliberacións dos setenta membros do xurado, os galardóns da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia. Os galardóns foron para Chus Pato (Creación Literaria), o grupo de investigación dirixido por Alicia Estévez polas súas investigacións sobre un xene marcador do cancro de colon, en Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, o proxecto "Nomes e voces" para a Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, a Orquestra Vigo 430 en Música, o programa Efervesciencia no ámbito de Iniciativas Culturais e Científicas, Almudena Fernández Fariña na categoría de Artes Plásticas, a compañía de títeres Tanxarina no ámbito de Artes Escénicas, Jaione Gamborda no ámbito de Cine e Artes Audiovisuais, a Feira do queixo de Friol e pan de Ousá no de Cultura Gastronómica e o podcast Café Derby 21 no ámbito da Cultura Dixital.. Amplía a nova>>

17/10/2024
O festival Curtas achega a Vilagarcía quince estreas mundiais

O Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía, presentou este 16 de outubro a súa 52 edición. Desta volta, o programa achegará un total de 113 filmes de 31 países, dos que 86 son curtametraxes e 27 filmes de longa duración. Entre estes, atópanse nada menos que 15 estreas mundiais e 99 producións inéditas a nivel estatal. . Amplía a nova>>

15/10/2024
Vigo acollerá un festival de curtametraxes que se cancelou en Alacante

Onte presentouse en Vigo a primeira edición do Festival Internacional de Cine Marengo Fest, un evento organizado pola empresa alacantina Marengo Producciones e a academia de interpretación actoral ACT, con sedes en Elche, Madrid e Vigo, que conta co apoio do Concello de Vigo. O Auditorio Municipal será escenario, do 7 ao 10 de maio de 2025, deste evento que arestora conta xa conta xa coa inscrición de 355 curtametraxes de distintas nacionalidades e ten o prazo de inscrición aínda aberto ata o 14 de febreiro de 2025, segundo avanzou este luns o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, que participou na presentación. O xurado anunciado estará conformado por "recoñecidas persoas do sector audiovisual a nivel nacional", como a directora de cine e guionista, Gracia Querejeta; o realizador, Carlos Sedes; o director José Manuel Carrasco; os actores Miguel Rellán, Lupe Carité e Fernando Soto; o actor e guionista, Fernando Guillén Cuervo, e a directora de casting, Conchi Iglesias. . Amplía a nova>>

15/10/2024
Premio de honra CREA para Patricia Ferreira a título póstumo

A Asociación Galega de Profesionais da Dirección e da Realización CREA ven de repartir os seus galardóns anuais, que inclúen nove premios, incluído un honorífico. Neste caso o Premio de Honra tivo carácter póstumo ao ser para a desaparecida realizadora madrileña de orixe galega Patricia Ferreira (Madrid, 1958 -2023), o recoñecemento foi recollido por Carme Rábade nunha cerimonia que tivo lugar na Sala Riquela de Santiago de Compostela. Outro dos nomes desta edición dos galardóns foi o da directora Jaione Camborda, cuxo filme 'O Corno' obtivo o Premio a Mellor longametraxe de ficción e ela acadou a Mención Especial DAMA á internacionalización do audiovisual galego. O galardón á Mellor Longametraxe documental de CREA foi para a realizadora Area Erina pola súa ópera prima 'Aurora' (Gaita Filmes) historia na que dúas mulleres, Aurora e Area, de idades e experiencias distintas, crean unha relación íntima de conversas sobre a morte, a familia, a guerra ou o papel da muller ao longo de dez anos.. Amplía a nova>>

14/10/2024
Manuel Lourenzo e Marta Pazos danlle sabor escénico aos Premios da Cultura Galega

Na tarde do venres 11 de outubro, a Xunta de Galicia daba a coñecer o fallo dos Premios da Cultura Galega de 2024. Nesta xeira, as táboas conseguiron un especial protagonismo, ao levar o dramaturgo, actor e director Manuel Lourenzo o premio na categoría de letras. Canda a el, a directora, actriz e escenógrafa Marta Pazos fíxose co galardón que recoñece o labor no ámbito das artes escénicas.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org