Novas | 81 a 90 de 4165

<< Anterior Siguiente >>

05/08/2024
Zas acolle o I Encontro Atlántico de Festivais de Cinema

A vila de Zas convértese este sete de agosto na capital do audiovisual galego. A Coordinadora Galega de Festivais de Cinema Proxecta organiza nesta localidade o I Encontro Atlántico de Festivais de Cinema, unha cita que pretende "crear un espazo relacional que inclúa outras áreas do sector audiovisual, facilitando o debate e a reflexión conxunta entre representantes de festivais de cinema, cineastas e profesionais da industria".. Amplía a nova>>

02/08/2024
As axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais manteñen a contía

Desde este 2 de agosto e ata o vindeiro 2 de setembro, as produtoras independentes poden solicitar o apoio das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos que convoca a Axencia Galega das Industrias Culturais. Cun orzamento de 300.000 euros, ao igual que en 2023, esta liña apoia as tarefas previas á produción de proxectos galegos de longametraxes e series tanto de ficción, como de animación ou documentais. . Amplía a nova>>

02/08/2024
Vilagarcía centra a súa Semana de Cine no son

O son e o silencio preséntanse como os eixes da nova xeira da Semana do Cine que acolle Vilagarcía de Arousa entre o 4 e o 10 de agosto. O programa que coordina o Cineclub Ádega co apoio do Concello contará o vindeiro día 7 cun obradoiro sobre o silencio a cargo de Juan Quintáns e cunha proxección do filme mudo Safety last!, de 1923 con música ao vivo a cargo de Fuzzo.. Amplía a nova>>

01/08/2024
A Fundación Margarita Ledo abre sede en Castro de Rei

Castro de Rei, en Lugo, conta desde este 31 de xullo cun novo espazo cultural. A Fundación Margarita Ledo Andión inauguraba nesta localidade A Casa da Galería coa presentación da antoloxía poética Prefiro condenarme e mais coa apertura da mostra de debuxos Paisaxe interior [debuxos que escriben versos] que Luís Moscardó realizou a partir dos versos da autora.. Amplía a nova>>

30/07/2024
As axudas a talento audiovisual reparten 176.000 euros entre 11 proxectos

A Axencia Galega das Industrias Culturais deu a coñecer a resolución da liña de subvencións para a promoción do talento audiovisual galego. En total concedéronse os 176.000 euros de orzamento con que contaba esta liña, que apoiarán o desenvolvemento de 11 proxectos de curtas e longametraxes.. Amplía a nova>>

24/07/2024
Premio de honra do FIC Bueu para María Vázquez

O Festival Internacional de Cinema de Bueu, Fic Bueu, ven de facer pública a concesión do seu galardón honorífico deste ano, Premio Cinema Galego. A honra será para a actriz María Vázquez (Vigo, 1979). Vázquez estivo nomeada ao Goya á Mellor Actriz este ano polo seu traballo en 'Matria', filme polo que recibiu en 2023 a Biznaga de Oro á Mellor actriz no Festival de Málaga e levou este mesmo ano o Premio Pedigree de Honra no Festival de Cans A actriz recollerá o galardón durante a celebración da 17ª edición do festival o 14 de setembro, nun acto que incluirá unha conversa coa intérprete.. Amplía a nova>>

23/07/2024
A memoria documental e viva dos cines de Pontevedra nunha exposición

O vestíbulo do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra, acolle desde onte e ata o 30 de agosto a mostra 'Cines de Pontevedra'. Esta exposición recupera a memoria das salas de cine da provincia, con materiais e documentación, que dan a dimensión da importancia social e cultural que tiña ir ao cine, desde os espazos e arquitecturas que foron acollendo o espectáculo ao conxunto de actividades, prácticas sociais e relacións artelladas nos tempos en que o cine era a principal forma de ocio, e tamén a máis barata. Ademais dos restos materiais das vellas salas e dos documentos de arquivo, a exposición inclúe tamén un documental que recolle os testemuños e recordos de persoas que viviron o esplendor destas salas previo á chegada da televisión, memorias e vivencias persoais recollidas en colaboración cos concellos e centros de persoas maiores da provincia de Pontevedra, que participaron cubrindo máis de 500 enquisas e mantendo conversas sobre os seus recordos do cine. Froito dese traballo, realizáronse as gravacións durante o verán de 2022. A mostra está comisariada por Jesús Ángel Sánchez García e tra-lo seu período no Pazo Prvincial percorrerá os concellos da provincia.. Amplía a nova>>

19/07/2024
Fondo pesar pola inesperada morte de Xabier Deive

Un comunicado da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) deu a coñecer onte publicamente o inesperado falecemento do actor Xabier Deive (Narón, 1970) aos 54 anos. A triste noticia tiña rápido eco entre o sector da escena e o audiovisual galego onde caeu coma unha bomba. Nas redes sociais numerosas mostras de aflición entre actores e actrices, compañeiros de rodaxes e escenarios do falecido, foron deixando o rastro dixital do pesar do sector. Intérpretes como Antonio Durán "Morris", Monti Castiñeiras, Isabel Naveira, Luis Iglesia, Camila Bossa, Tito Asorey ou Pepo Suevos, ademais da realizadora Sonia Méndez coa que moi recentemente rodou o filme 'As Neves', entre outros deixaron sentir a súa tristeza. Tamén a Academia Galega do Audiovisula tivo unha lembranza do falecido e trasladou o seu pésame a amigos e familiares. . Amplía a nova>>

17/07/2024
Xan Leira presenta o documental sobre a histórica Agrupación Cultural Abrente

A Casa do Concello de Ribadavia acolleu a presentación do documental "Abrente, do ermo á rebeldía", unha peza audiovisual dirixida polo realizador Xan Leira que terá a súa estrea a coincidir coa clausura da 40 edición da Mostra Internacional De Teatro da localidade, o vindeiro domingo 27 de xullo. O propio concello está detrás da produción audiovisual na que Leira, experto documentalista da memoria galega a través do seu proxecto Memoria da Galiza, recupera a historia da Agrupación Cultural Abrente, nacida en Ribadavia en 1969 en e coñecida sobre todo polas Mostras de Teatro Galego que organizou entre 1973 e 1980, precursoras da actual MIT. A asociación tamén tivo importantes fitos no eido da arte e acumulou ao longo da súa historia unha colección de arte contemporánea que suma arredor de 60 obras e eno sector cultural as súas accións tiveron ecos que supuxeron importantes fitos na cultura galega. No documental participan algúns dos protagonistas desta historia, como José Luis Chao, Mercedes Rodríguez, Concha Domínguez, Isolina Rionegro, José Manuel Davila, Luisa Escudero, Carmen Escudero, Amelia Fariña, Celsa Ferreiro, Roberto Pascual, César Fernández, Maximino Queizán, César Llana, José Ramón Estévez, María del Carmen Vilar, Víctor Corral e Francisco Chao. Na presentación deste traballo Leira sinalaba como xurdía a inquedanza duns mozos de Ribadavia do ano 1969, "que dunha ou doutra maneira ou de maneira intuitiva sintonizaban coa música de cambios que estaba percorrendo o mundo a finais dos anos 60". A proxección do documental será o sábado 27, ás 19:00h na Casa da Cultura de Ribadavia.. Amplía a nova>>

15/07/2024
As Medallas de Galicia 2024 recoñecen ao noso audiovisual

Cada ano, desde 2021, a Xunta outorga as Medallas de Ouro de Galicia en torno a un eixo vertebrador que exemplifique un sector, un movemento ou un concepto. Se o ano pasado foi a música a recoñecida, este ano o Goberno Autonómico buscou recoñecer a traxectoria do noso audiovisual e a súa importancia económica, artística e cultural para o noso país. Desde xeito designou como merecentes destes galardóns a dous profesionais e unha institución do sector. Son o actor natural de Cospeito, Luís Tosar, con tres premios Goya; a produtora Zaza Ceballos, da empresa Zenit Televisión; e a Academia Galega do Audiovisual, que xa leva máis de 20 anos de actividade e que organiza os Premios Mestre Mateo do audiovisual galego. O vindeiro día 24 de xullo faráselles entrega das distincións nun acto público, como é tradición.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org