A Fundación Margarita Ledo abre sede en Castro de Rei

A Casa da Galería terá como eixes de traballo "cinema, cultura e comunicación"

Castro de Rei, en Lugo, conta desde este 31 de xullo cun novo espazo cultural. A Fundación Margarita Ledo Andión inauguraba nesta localidade A Casa da Galería coa presentación da antoloxía poética Prefiro condenarme e mais coa apertura da mostra de debuxos Paisaxe interior [debuxos que escriben versos] que Luís Moscardó realizou a partir dos versos da autora.

Nada co lema "cinema, cultura e comunicación", a Casa da Galería, antigo domicilio familiar de Ledo, acollerá diferentes actividades e permitirá acceso a documentación vencellada ao traballo desta cineasta, escritora e investigadora do campo da comunicación.

Tamén estarán dispoñibles no lugar traballos da Produtora Nós, da que participa, canda a pezas de pintura galega e fondos hemerográficos e bibliográficos. O centro prevé tamén desenvolver de xeito habitual actividades para afondar no coñecemento da Terra Chá.

Xa para o mes de setembro, o programa de propostas continuará coa exposición de serigrafías Os Notábeis. Á volta de personaxes dun Castro de Rei do século pasado comisariada polo artista Bernardo Tejeda. O día 11 proxectarase o documental de Ledo Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra que se acompañará dun faladoiro con Marica Campo, María Pilar García Negro e Alberto Ansede.

A coincidir con esta apertura, deuse a coñecer que a última produción audiovisual de Ledo, tamén titulada Prefiro condenarme, foi seleccionada para participar no prestixioso festival de Locarno na sección First Look.