Recoñécese o interese cultural á Fundación Margarita Ledo Andión

Difundira a obra da académica, catedrática e cineasta e traballará sobre o audiovisual e a comunicación

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a declaración de interese cultural da Fundación Margarita Ledo Andión. Casa da Galería. CCC (Cinema, Cultura e Comunicación). Segundo consta na orde publicada, a fundación constituíuse pola académica (actual Secretaria da RAG), cineasta, escritora e Catedrática de Comunicación Audiovisual da USC, Margarita María Ledo Andión (Castro de Rei, Lugo.1951), mediante escritura pública o pasado 8 de febreiro. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: "a conservación, investigación e difusión da obra da investigadora, escritora e cineasta Margarita Ledo Andión, a promoción da cultura galega en xeral e do cinema e o audiovisual en lingua galega en particular, así como doutros bens de cultura e comunicación". O padroado inicial da Fundación, segundo consta no DOG, está formado por Margarita María Ledo Andión, como presidenta; o seu irmán José Luis Ledo Andión, como vicepresidente, e a súa sobriña Agar Ledo Arias, como secretaria.

Nos fins da Fundación, recollidos nos Estatutos, está o de promover ciclos de cinema, xornadas ou cursos ou seminarios de pensamento contemporáneo, con especial atención á produción desenvolvida por mulleres; convocar residencias artística e de investigación e organizar e preservar a biblioteca, a obra e os traballos inditos ou documentos que poidan servir para o coñecemento e estudo da obra de Margarita Ledo Andión. Para isto a Fundación buscará dispor dun espazo físico que dea acollida a distintos soportes de documentación audiovisual e onde se poidan desenvolver actividades públicas do ámbito da cultura e a comunicación. A inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese galego é un requisito recollido pola Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, para obter personalidade xurídica propia. A través desta normativa introdúcense aspectos dirixidos a facilitar a actividade das fundacións de interese galego e a promover, respectando a súa autonomía, os fins de interese xeral para os cales se constituíron, considerando que a súa acción se debe entender como unha tarefa compartida entre os diferentes poderes públicos e a sociedade civil. A declaración de interese cultural da Fundación Margarita Ledo Andión adscribe a entidade ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.