Vilagarcía centra a súa Semana de Cine no son

Proxeccións, obradoiros e actividades ao aire libre compoñen a programación entre o 4 e o 10 de agosto

O son e o silencio preséntanse como os eixes da nova xeira da Semana do Cine que acolle Vilagarcía de Arousa entre o 4 e o 10 de agosto. O programa que coordina o Cineclub Ádega co apoio do Concello contará o vindeiro día 7 cun obradoiro sobre o silencio a cargo de Juan Quintáns e cunha proxección do filme mudo Safety last!, de 1923 con música ao vivo a cargo de Fuzzo.

Ademais disto, o día 6 Quintáns realizará unha charla sobre a súa experiencia co son no mundo do cinema. Durante a tarde, o filme Tres amosará a historia dunha deseñadora de son que perde a sincronía entre son e imaxe na realidade. A seguir nesta temática, o día 8 poderá verse a produción Stop Making Sens, gravación dun concerto de Talkin Heads en 1984 que se estableceu como paradigma para o rexistro das actuacións en vivo.

Canda a estas propostas, o programa comezará o día 4 coa Caravana de Cine, unha selección de filmes para público familiar, e na noite poderá verse Island of dogs de Wes Anderson ao aire libre na Praia da Cuncha.

Para o 5 está prevista unha charla e a gravación do podcast Gafapasta Plasta ao vivo e, de noite, a proxección de The zone of Interest. O día seis poderá verse O gaiteiro que desceu da carabela curtametraxe documental de Juan Quintáns sobre o gaiteiro Tales Melati e a súa participación na descuberta de Brasil.

O día 8 desenvolverase un obradoiro de animación Stopmotion para crianzas e o filme Calamity de mañá, mentres o 9 está prevista a proxección de C'è Ancora Domani no Salón García. A semana rematará o día 10 coa presentación do libro El Imaginario Fantástico de Tim Burton de Milena Martínez e mais a proxección de Bitelchús, nunha sesión que se desenvolverá en formato pic-nic.