25/02/2022
Chechu Salgado levará ao premio de honra 'Ourense' do OUFF
O actor lugués Chechu Salgado (Sober, 1991), recente gañador do Goya ao mellor actor revelación polo seu papel no filme 'As Leis da fronteira', recibirá o premio 'Ourense' do vindeiro OUFF. A decisión comunicoulla directamente ao intérprete o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, tras reunirse con el no pazo provincial. O presidente da Deputación, despois de consultalo coa Fundación Carlos Velo e a organización do OUFF, propuxo ao actor ourensán para o premio. Salgado recollerá o galardón durante a próxima 27ª edición do OUFF, que arranca o vindeiro 23 de setembro. O actor destacou o apoio da Deputación ao sector audiovisual: "Quero agradecer a Deputación o apoio que fai ao cinema, que é moi necesario e moi importante para todos os que nos adicamos a esto". Precisamente, Chechu Salgado está traballando agora na serie 'Hotel Valquiria', unha produción galego-portuguesa patrocinada pola Deputación de Ourense..
Amplía a nova>>
25/02/2022
Premio ao Mellor guión televisivo para a segunda temporada de 'Hierro'
A serie 'Hierro' da produtora Portocabo para Movistar+ ven de servir de novo para o recoñecemento do talento galego no audiovisual estatal. Ademais dos numerosos premios a nivel estatal e galego que a produción leva recollidos coa súa primeira temporada nos pasados anos, agora o Festival MiM, dedicado á ficción televisiva estatal, ven de outorgarlle o premio de Mellor Guión ao equipo de cinco guionistas galegos que elaboran a base da súa historia na segunda temporada. Pepe Coira, Lidia Fraga, Fran Araujo, Araceli Gonda e Eligio Rodríguez conforman o equipo gañador do premio outorgado no festival organizado pola asociación Madridimagen co apoio de Dama, entidade de xestión de dereitos de autoría nos medios audiovisuais. .
Amplía a nova>>
25/02/2022
Numax presenta Videogramas. Santiago de Compostela
Oito videogramas sobre Santiago de Compostela e o cinema realizados por outros tantos cineastas de referencia do noso país. Esta é a proposta do proxecto
Videogramas. A propósito de Compostela, que desenvolveu a Cooperativa Numax co apoio do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 e que están dispoñibles na canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística..
Amplía a nova>>
22/02/2022
Falece subitamente o cómico Pedro Brandariz
O actor e contacontos Pedro Brandariz faleceu hoxe subitamente con 44 anos cando ía facer unha función no CEIP de Calo (Teo) do seu espectáculo 'Os poderes de Rosalía' para o alumnado. Os detalles desta inesperada morte aínda non se coñecen con máis exactitude, pero o actor de Oleiros estaba a levar a cabo neste mes unha intensa axenda de espectáculos por centros de ensino de toda Galicia e hoxe mesmo ía estrear unha nova montaxe na Coruña, 'O inventor das palabras', co guía e intérprete Suso Martínez. .
Amplía a nova>>
21/02/2022
Margarita Ledo galardoada pola Academia Audiovisual co Premio Fernando Rey
A cineasta, catedrática da Universidade de Santiago e académica da RAG Margarita Ledo Andión ven de ser recoñecida co Premio Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual. A lucense recollerá este premio de honra na vindeira XXª edición do Premios Mestre Mateo do audiovisual galego o vindeiro sábado 19 de marzo no recinto de Expocoruña. O presidente da Academia, Álvaro Pérez Becerra, acompañado polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, deu hoxe a coñecer a decisión da AGA para o seu galardón de honra. .
Amplía a nova>>
16/02/2022
A Semana do Cinema Galego vai pola súa terceira edición
A Coruña celebrará do 8 ao 13 de marzo a III Semana do Cinema Galego, situándose durante seis días no epicentro da actividade cinematográfica do territorio xusto antes de celebrar na cidade a XXª gala dos Premios Mestre Mateo, o día 19 de marzo. O audiovisual galego exhibirá as súas producións máis recentes e recoñecidas da man dos profesionais do noso cinema, dos equipos artísticos, nunha cita consagrada, na súa totalidade, ao talento máis próximo. A alfombra vermella lucirá no Teatro Colón para dar a benvida a unha coidada programación conformada polas mellores longametraxes e documentais do último ano. Concretamente, proxectaranse os traballos finalistas dos Premios Mestre Mateo 2022 que concede a Academia Galega do Audiovisual, traballos que darán boa conta do talento do país. Os propios equipos artísticos dos filmes presentarán os seus proxectos no recinto coruñés. A Academia Galega do Audiovisual coordina este proxecto no que conta co apoio do Concello da Coruña e a Deputación provincial. .
Amplía a nova>>
15/02/2022
A Biblioteca González Garcés inaugura a exposición "María Casares: residente privilexiada".
A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés da Coruña sumouse hoxe á conmemoración do centenario do nacemento da actriz María Casares coa inauguración da exposición "María Casares: residente privilexiada". Esta mostra trata de reconstruír mediante a mostra de 200 libros, fotografías, películas e documentos, a vida da artista, a súa contorna familiar e súa relación co mundo cultural francés ata o seu falecemento, que tería lugar na localidade francesa de Alloue. O título da exposición fai referencia ao seu status na tarxeta de residencia orixinal emitida por Francia, título que foi empregado tamén para publicar as súas memorias no ano 1980. .
Amplía a nova>>
14/02/2022
Os Goya máis galegos
A cerimonia dos premios cinematográficos da academia española tivo este ano un especial sabor galego. Desde o momento da súa concepción comezaba xa o recendo, o realizador monfortino Dani de la Torre collía a dirección do evento da 36ª edición dos galardóns no Palau de les Arts de Valencia por encargo da Academia de Cine. Ademais diso, como parte do programa musical, a cantante Luz Casal fixo soar o idioma galego con contundencia e peso na gala, interpretando, acompañada pola Real Filharmonía de Galicia o tema 'Negra Sombra', coa letra do poema de Rosalía de Castro. A celebrada interpretación, moi ben acollida por un público que xa semella acoller o galego na música como algo máis normal nos últimos tempos, acompañou o vídeo 'In memoriam', dedicado aos ausentes da industria audiovisual deste ano pasado. Xa na parte da recollida de premios a colleita do sistema galego saldouse con ata catro "cabezóns" na forma de recoñecemento á excelencia no relativo á interpretación, a música e á animación, un formato no que Galicia leva anos estando abonada..
Amplía a nova>>
11/02/2022
Nabiza Girl volta cunha segunda entrega da súa webserie
A canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística acolle cinco novos episodios da webserie Nabiza Girl. Isabel Risco recupera este personaxe en
O retorno de Nabiza Girl, e enfronta esta peculiar superheroína a cuestións como os petróglifos, o mar, o ribeiro, a moda ou a dieta galega noutras tantas pezas de curta duración. O proxecto, que parte dunha montaxe teatral, desenvolveuse co apoio Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022, e xa contara con catro capítulos anteriores que tamén están dispoñibles na mesma canle..
Amplía a nova>>
10/02/2022
'Cuñados' parte como favorita nos XX Premios Mestre Mateo do audiovisual
A comedia 'Cuñados', ópera prima como director de Toño López e primeira incursión na longametraxe cinematográfica da produtora galega PORTOCABO, perfílase como favorita para a vindeira edición do Premios Mestre Mateo do audiovisual galego con 16 candidaturas finalistas. O filme de terror psicolóxico ambientado no rural, 'Malencolía' do realizador compostelán Alfonso Zarauza, indiscutible gañador da anterior edición co seu filme 'Ons', entra tamén con forza como posible gañador de ata 11 estatuíñas este ano. Outra longametraxe de terror rural, a ópera prima do santiagués Javi Camiño, 'Jacinto', protagonizada por Pedro Brandariz e Anxela Baltar dá a sorpresa e acada tamén as 11 candidaturas nos premios deste ano, tras varios recoñecementos en festivais. Tras destas sitúase a serie 'Hierro', tamén de Portocabo, con 8 candidaturas. Os directores dos traballos máis votados, Alfonso Zarauza, Javi Camino, Jorge Coira e Toño Chouza, competirán polo premio á Mellor dirección. A vindeira entrega de premios audiovisuais celebrará o vinte aniversario dos galardóns con importantes novidades, tal e como se avanzou hoxe no acto de lectura dos finalistas das 24 categorías..
Amplía a nova>>