Novas | 621 a 630 de 4159

<< Anterior Siguiente >>

13/08/2021
A proposta interactiva Ti primeiro chega aos móbiles

Os dispostivos equipados con sistemas operativos Android e iOS xa teñen dispoñible a aplicación que dá acceso a Ti primeiro. A prosposta interactiva de Melgo Cinema defínese como "novela visual" e "mestura o audiovisual, a literatura e os videoxogos", segundo sinala a produtora. Roberto Alvite correu coa escrita, a dirección e a produción do proxecto, que tamén coprotagoniza e no que cada persoa usuaria pode escoller as accións dos personaxes.. Amplía a nova>>

12/08/2021
Play-Doc reunirá en Tui a documentalistas históricos

Play-Doc avanza novidades sobre a programación da que será a súa 17ª edición e que se celebrará en Tui do 22 ao 26 de setembro. Ademais das primeiras retrospectivas españolas dos norteamericanos Manfred Kirchheimer e Bette Gordon, no festival deste ano poderanse ver dúas películas nunca antes vistas no noso país e que foron realizadas na década dos oitenta. . Amplía a nova>>

11/08/2021
O Festival de Cans avanza as novidades desta XVIII edición

A XVIII edición do Festival de Cans, que terá lugar do 1 ao 4 de setembro, estrea sección: chámase 'Correspondencias' e nace para amosar un diálogo en imaxes entre cineastas galegos con cineastas doutros países e fomentar un intercambio de ideas inéditas filmadas. Os encargados de botar a andar esta sección serán o cineasta galego Eloy Domínguez Serén e o colombiano Samuel Moreno, que mantiveron unha interesantísima correspondencia filmada que terá a súa estrea absoluta nesta edición do Festival de Cans. Ademais o cineasta brasileiro Kleber Mendonça Filho, gañador do Premio do Xurado no Festival de Cannes 2019, será un dos grandes protagonistas da edición ao ser o convidado do coloquio central do Festival e certame dedicaralle unha retrospectiva na que se proxectarán as tres longametraxes que realizou ata o momento e varias das súas curtametraxes.. Amplía a nova>>

10/08/2021
Oito filmes en galego reparten as axudas a distribución audiovisual da Deputación da Coruña

A Área de Cultura da Deputación da Coruña daba a coñecer este 9 de agosto a resolucións das súas subvencións para a distribución de filmes en galego. A partida distribuíu un total de 96.352 euros entre oito producións. Cuñados de Toño López con 25.000 euros é a principal beneficiada desta liña, seguida por Nación de Margarita Ledo, que leva 13.126. Negro Púrpura, de Illa Bufarda, Malmkrog de Cristi Puiu, A metamorfose dos paxaros de Catarina Vasconcelos, A virxe roxa de Marcos Nine, No somos nada de Javier Corcuera e a curtametraxe The Monkey de Xosé Manuel Zapa, son os outros proxectos que reciben axudas nesta convocatoria.. Amplía a nova>>

09/08/2021
O OUFF concede a Alfonso Blanco o Premio Ourense 2021

O produtor ourensán Alfonso Blanco "Fosco" recibirá o Premio Ourense da 26 edición do Ourense Film Festival. Blanco é director xeral da produtora Portocabo, unha das máis importantes do panorama audiovisual estatal, e responsable de éxitos como a película Cuñados ou de series como Hierro. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, comunicoulle persoalmente a Alfonso Blanco a decisión da organización de outorgarlle o Premio Ourense, e resaltou "a súa traxectoria profesional desde a produtora galega Portocabo, destacando en particular o seu ourensanismo militante, e o seu interese en fomentar a provincia como plató audiovisual, como ben de confirmar coa exitosa comedia Cuñados, enteiramente rodada en Ourense". O produtor agradeceu enormemente o premio: "É unha honra recibir este recoñecemento no festival da miña cidade". . Amplía a nova>>

04/08/2021
O Cineclube Padre Feijóo cancela o Cinema de Verán

Naceu nos anos setenta na Escola de Maxisterio de Ourense, foi un dos revulsivos culturais desta cidade durante décadas e hoxe ao Cineclube Padre Feijóo resúltalle imposible a realización do seu habitual programa Cinema de Verán a celebrar cada mércores de agosto na Praza da República. A entidade ven de anunciar a suspensión do devandito programa de proxeccións públicas e de balde á cidadanía argumentando a imposibilidade económica de asumir as taxas polo uso do espazo público que lle reclama o Concello de Ourense a esta actividade sen ánimo de lucro. . Amplía a nova>>

02/08/2021
As axudas ao talento audiovisual apoian dezanove proxectos

A Axencia Galega das Industrias Culturais publicou no seu web o pasado 28 de xullo a resolución das subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, dotadas com 194.000 euros. A listaxe de proxectos beneficiados desta convocatoria cubriu o total de dezanove adxudicacións previstas nas bases para as distintas categorías. . Amplía a nova>>

02/08/2021
Alfonso Agra recibirá o Premio Cinema Galego do FICBUEU

O actor arzuán Alfonso Agra recibirá o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2021, galardón que recoñece a traxectoria de profesionais da industria audiovisual galega. Alfonso Agra é coñecido sobre todo polos seus papeis en series galegas como Pratos Combinados, Mareas Vivas ou Serramoura. O homenaxeado manterá un encontro co público no que se desvelarán algunhas das facetas máis descoñecidas da súa dilatada carreira o sábado 18 de setembro ás 11:30 horas no Punto de Encontro do FICBUEU, situado na sala multiusos do Centro Social do Mar. . Amplía a nova>>

02/08/2021
'Eles transportan a morte' competirá no festival de San Sebastián

A estrea en territorio español da ópera prima da cineasta galega Helena Girón e Samuel Delgado, Eles transportan a morte, terá lugar no marco da 69ª edición do Festival Internacional de San Sebastián, entre o 17 e 25 de setembro. A longametraxe, rodada en galego no orixinal, está producida por Filmika Galaika (Beli Martínez ao cargo da produción), xunto con El Viaje Films, La Banda Negra e a colombiana Blond Indian Films e competirá na sección oficial Zabaltegui-Tabakalera, a sección competitiva máis aberta e sen limitación de formatos do veterano festival, que dá cabida ao cine que busca novas miradas e formas. Previamente, como xa se anunciou fai uns días, terá lugar a súa estrea mundial en Venecia, dentro da la Settimana Internazionale della Critica.. Amplía a nova>>

28/07/2021
Xabier Díaz, Xabarín Club e Anxo Angueira premios Rebulir 2021

Mediante un comunicado deuse a coñecer a decisión do Xurado dos Premios Rebulir da Cultura Galega 2021, un recoñecemento creado desde a asociación cultural do mesmo nome, para sinalar persoas ou colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións. Tres galardóns en tres categorías outorgou onte o xurado: Música galega, Artes escénicas e un premio de Homenaxe. Anxo Angueira, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, foi o escollido pola comisión para recibir o premio Homenaxe, "pola súa contribución a literatura galega, e a súa vinculación persoal e profesional con Ramirás e a comarca de Terras de Celanova", segundo o fallo. Un dos aspectos que defende este galardón é a proxección do nome de Galicia alén das súas fronteiras, facendo fincapé no establecemento de vínculos interculturais e de raíz. O músico Xabier Díaz tamén resultou recoñecido co premio Rebulir, "pola súa dilatada traxectoria no eido da música tradicional tanto dentro como fora de Galicia". Na categoría de Artes escénicas o xurado decidiuse por galardoar ao espazo infantil da TVG, Xabarín Club, "por ter contribuído desde o audiovisual, e máis concretamente desde a animación, a normalización lingüística e difusión da cultura galega", di o xurado. O acto de entrega de ditos galardóns terá lugar o sábado 18 de Decembro de 2021, no marco da Gala Central do Festival Internacional Rebulir 2021, a cal se celebrará previsiblemente no Complexo Polideportivo de O Picouto (Concello de Ramirás).. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org