'Código emperador' abrirá o 25 Festival de Málaga

A película de Vaca Films protagonizada por Luís Tosar estrearase en cines o 18 de marzo

A película de Vaca Films protagonizada por Luís Tosar estrearase en cines o 18 de marzo
Escena de 'Código emperador' Foto: Vaca Films
A nova longametraxe da produtora coruñesa Vaca Films, dirixida por Jorge Coira, é a elixida para abrir coa súa proxección a 25ª edición do Festival de Málaga, unha das grandes plataformas do cine producido en España. Será o vindeiro 18 de marzo na cidade andaluza cando a película 'Código emperador' protagonizada polo lugués Luís Tosar se exhiba nunha gala inaugural que terá lugar no Palacio de Deportes José María Martín Carpena, co obxectivo de acoller a maior cantidade de público posible. O filme chegará aos cines do Estado o mesmo día desa gala e a distribución internacional corre a cargo de Netflix.

Con guion de Jorge Guerricaechevarría, 'Código emperador' preséntase coma unha intriga inspirada na cara máis oculta da realidade social e política española. O filme introdúcenos "nunha unidade especial do Centro Nacional de Inteligencia, conformada por varios axentes". Luis Tosar, gañador de seis premios Mestre Mateo e tres premios Goya está acompañado por Santi Prego, Denís Gómez, Alexandra Masangkay, Georgina Amorós, Laura Domínguez, Miguel Rellán, María Botto e Arón Piper entre outros. A rodaxe do filme fíxose en cidades como Bilbao, Madrid, A Coruña, Budapest e Ciudad de Panamá. 'Código emperador' é unha produción de Vaca Films e Proyecto Emperador AIE, en coprodución coa compañía francesa Playtime, e conta coa participación de RTVE, Netflix, TVG e os apoios de ICAA (Ministerio de Cultura), Agadic e Programa Media.