A nova edición do catálogo promocional Shorts from Galicia, editado pola Xunta, ofrece unha escolma de sete curtametraxes para dar conta da calidade e variedade da produción galega neste formato audiovisual. A súa difusión internacional está a comezar esta mesma semana no mercado profesional do Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, en Francia, referente internacional para os profesionais da produción e distribución de curtas. A selección deste ano, a cargo dunha comisión de especialistas, recolle traballos que abordan tanto o xénero documental como a ficción dramática. Así mesmo, no catálogo conviven talentos emerxentes como Lucía Estévez ('O niño dos paxaros'), Marta Valverde ('30´70´60´120´') ou Rebeca Lar ('As árbores coñecen o son das balas') con realizadores xa consagrados como Ángel Santos ('Así vendrá la noche'), Eloy Domínguez ('Rompente') e Lois Patiño ('Sycorax', codirixida co arxentino Matías Piñeiro), ademais de incluír o debut como directora da actriz Nerea Barros ('Memoria').
A meirande parte destas obras están a comezar o seu percorrido por festivais, aínda que nalgúns casos contan xa con ter participado en importantes seleccións. En Clermont-Ferrand búscase ampliar as súas posibilidades de exhibición, reforzando a difusión de Shorts from Galicia a través dunha completa axenda de reunións cos representantes de festivais internacionais acreditados no encontro galo. Ademais, as curtas galegas terán tamén presenza na retrospectiva que o festival lle dedica a España como país convidado da 44ª edición. Nesta programación especial Foco España, figuran catro premiadas producións de creadores galegos: 'Birdboy', de Pedro Rivero e Alberto Vázquez (2010); 'Anacos', de Xacio Baño (2012); 'Montaña en sombra', de Lois Patiño (2013), e 'Matria', de Álvaro Gago (2017). Ao tempo, estanse a desenvolver Market Screenings para o público profesional nos que tamén se inclúe 'A rabia', de Alberto Díaz.