Quiosco: Clara Corbelhe 5

A presentación da entrega coincide coa posta en marcha do Instituto Clara Corbelhe de Estudos Críticos Galegos

Este mes de decembro de 2025 chega ás rúas o número 5 da revista Clara Corbelhe. O lanzamento coincide coa transformación da entidade editora, o Espaço Clara Corbelhe, no Instituto Clara Corbelhe de Estudos Críticos Galegos. A nova entidade supón unha ampliación do proxecto que continuará coas iniciativas da súa antecesora.

A seguir coa intención de articular a relación entre academia e militancia, o novo instituto atenderá aos estudos críticos desde diferentes perspectivas e disciplinas. O proxecto preséntase como un "núcleo de pesquisa voltado à crítica radical das estruturas sociais, políticas, econômicas e culturais da modernidade capitalista, a partir de uma perspectiva nacional e antiimperial galega".

Desde estas perspectivas, a nova entrega da publicación reúne cinco achegas arredor da cuestión "Soberania digital contra o poder algorítmico". Nestas, Guillermo Rodríguez Alonso aborda o propio concepto de soberanía dixital, José Ramom Pichel trata a conformación da identidade idiomática no espazo virtual e Daniel Souto Pazó estuda as relacións entre o capital o algoritmo.

Canda a estas propostas, o colectivo Proyecto UNA analiza os paralelismos entre o movemento ludita e o combate contra a dominación tecnolóxica, mentres José João Rodríguez estuda os comezos da Internet galega e as súas promesas de emancipación. Adrián Solla, Valeria Vázquez e Cibrán Tenreiro asinan unha análise sobre os potenciais tecnolóxicos para a difusión da nosa música, e Malva F.R. realiza unha panorámica sobre a galeguidade na era das redes sociais e das novas virais.

Ademais da revista monográfica anual Clara Corbelhe, os artigos periódicos que se publican no web e se compilan nun anuario, a colección de libros Clara Corbelhe de Ensaio Crítico Galego, publicada en colaboración con Laiovento, e a xornada de formación anual compoñen o groso das actividades que desenvolve a entidade. O Instituto finánciase a base de subscricións particulares.