Novas voces critican as mudanzas na Lei de Patrimonio

A Plataforma de Profesionais da Arqueoloxía a e a Facultade de Historia da USC denuncian a transferencia de competencias aos concellos

A transferencia aos concellos de competencias sobre patrimonio cultural que establece a Lei de acompañamento aos orzamentos autonómicos continúa a erguer críticas. Despois do informe que presentou o Consello da Cultura Galega ao respecto, agora son a Plataforma Estatal de Profesionais da Arqueoloxía e mais a Facultade de Historia da Universidade de Santiago quen se suman a estas denuncias.

As entidades coinciden en afirmar que a transferencia ás entidades locais das competencias para autorizar determinadas intervencións patrimoniais supón unha desprotección destes bens. Deste xeito, Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago daba a coñecer este 18 de decembro un escrito no que a entidade expresa o seu desacordo coa medida e denuncia que a "falta de criterios uniformes e dun catálogo actualizado" de bens patrimoniais "abre a porta á discrecionalidade na protección e pode xerar unha potencial desigualdade no territorio".

Ademais de sinalar a falta de recursos dos concellos, tamén advirte de que "a introdución de usos como cámpings, aparcadoiros ou áreas de autocaravanas, a flexibilización das normas para talas e reformas, supón unha alteración significativa dos valores paisaxísticos e culturais das contornas de protección e zonas de amortecemento" dos bens culturais. O texto critica ademais a "ausencia de mecanismos de control a posteriori" e reclama a necesidade de diálogo con institucións académicas, culturais e sociais á hora de realizar unha modificación tan importante na lei.

Pola súa banda, a Plataforma Estatal de Profesionais da Arqueoloxía presentou un escrito ante o Ministerio de Cultura a advertir que a falta de recursos dos concellos para desenvolver estas funcións pode supor un risco para elementos protexidos. Segundo advirte a entidades, unha administración local "non dispón de arqueólogos, historiadores da arte, arquitectos especializados en patrimonio nin equipos técnicos abondos" para estas tarefas, o que, ao seu ver "deixa un baleiro de tutela que pode ter consecuencias irreversibles".