Unha xornada en Mondariz Balneario analiza as mudanzas na Lei do Patrimonio Cultural

O encontro celébrase este 5 de febreiro e pode seguirse en liña

| Santiago. Redacción | Seccións: PatrimonioPolíticas Culturais
Compartir:
Unha xornada en Mondariz Balneario analiza as mudanzas na Lei do Patrimonio Cultural

Co título Xornada sobre as modificacións da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. Análise das repercusións nos concellos galegos, o Concello de Mondariz Balneario e mais a UNED celebran este 5 de febreiro un encontro sobre esta cuestión. A transferencia de competencias no campo do patrimonio aos concellos ao abeiro da Lei de acompañamento aos orzamentos autonómicos para 2026 está a motivar queixas desde diferentes ámbitos, e agora esta iniciativa quere reunir especialistas en historia, arqueoloxía, arquitectura e representantes do Parlamento de Galicia en diferentes mesas e conferencias con vistas a responder a cuestións pendentes.

Segundo lembra a presentación da iniciativa, o encontro pretende "a través de cualificadas exposicións, coñecer e comprender os motivos desta nova redacción, reflexionar e debater sobre o alcance das mesmas, e de ser o caso, intentar achegar solucións e implementar as medidas que podan garantir, ante a xa vixente modificación, a protección e salvaguarda do rico e extenso Patrimonio Cultural de Galiza". Consello da Cultura Galega, Federación Galega de Municipios e Provincias ou Plataforma Estatal de Profesionales de la Arqueología, foron algunhas das voces que alertaron dos problemas que pode implicar o novo marco legal.

 

O programa, que se inicia ás 16:45 horas, abrirase cunha intervención de Aurora Corbacho e Rebeca Blanco Rotea para explicar o que supoñen estas recentes modificacións. A esta seguiralle unha mesa redonda arredor desta mesma cuestión que contará coa presenza de Mauro Chivite, Luciano González Alfaya, Alberto González Fernández, Xosé Luís Penas Corral e Jaime Almansa Sánchez. A sesión continuará con outra mesa de debate entre representantes dos grupos presentes no Parlamento de Galicia sobre o tema das xornadas. Aurora Corbacho, José Luis Ferro Iglesias, Mercedes Queixas Zas e Silvia Longueira Castro protagonizarán este encontro, ao que seguirá un coloquio co público asistente para fechar a xornada. A iniciativa pode seguirse tanto de xeito presencial como virtual a través do web da UNED.

Que che parece esta nova?
260 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito