A Xunta realizará un catálogo do patrimonio litoral

O proxecto fai parte da asunción de competencias do goberno galego sobre a costa

O proxecto fai parte da asunción de competencias do goberno galego sobre a costa
Salga de Félix Romaní Cruz. Fonte: Inventario do Plan de Cultura Marítima
Logo da transferencia das competencias de xestión sobre o litoral á Xunta de Galicia, o presidente Alfonso Rueda anunciaba este 14 de abril as primeiras medidas que o goberno galego desenvolverá sobre este ámbito. Entre estas, destaca a aprobación, no último trimestre deste ano, dun novo Catálogo do patrimonio cultural do litoral galego.

Dentro das proposta que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático presentou no Consello da Xunta celebrado nesta data está o desenvolvemento deste catálogo, que parte do inventario que a Universidade da Coruña realizou para o Plan de Cultura Marítima e que recolle "459 bens, elementos etnográficos e edificacións de carácter público e privado (muíños, antigas salazóns, conserveiras...)", segundo apunta a Xunta.

Estes bens incorporaranse agora ao novo censo a indicar a área do litoral na que se atopan, os motivos da incorporación de cada elemento ao catálogo e os seus usos, tanto orixinais como os que se poidan desenvolver no futuro. Este últimos deberán "ser compatibles coa súa localización" e non pór "en perigo os seus valores culturais", segundo sinala a Consellería.

A actuación fai parte da Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral (Loxilga), aprobada en 2023, coa que a Xunta regula o territorio litoral, a incluír tanto a zona terrestre e intermareal como a área mariña ata as 12 millas náuticas. A mesma declara como obxecto de protección específica como parte do patrimonio cultural inmaterial "os usos, as representacións, as expresións, os coñecementos e as técnicas das comunidades costeiras que manifestan un particular sentimento de identidade e de relación co medio costeiro e mariño", entre eles técnicas artesanais e tradicionais vencelladas aos oficios do mar. Nese mesmo sentido, prevé plans de fomento e recuperación deste tipo de oficios.

Parte destes elementos patrimoniais servirán como base para a futura rede de establecementos turísticos na costa, tamén prevista na lei. Esta crearase "a partir da recuperación de edificacións preexistentes que destaquen polo seu especial valor arquitectónico, histórico ou cultural".