
O catálogo percorre os 86 municipios costeiros da comunidade a dar conta dos diferentes elementos contemplados. Cada ficha dá datos de localización, uso orixinal, posibles actuacións como recuperacións, rehabilitacións, ampliacións ou os posibles usos de cada un. Ademais, recolle descricións e detalles históricos das diferentes edificacións contempladas. O documento abrangue desde castros, igrexas e xacementos arqueolóxicos a antigas edificacións industriais, pontes, casas, instalacións militares ou peiraos, entre outras tipoloxías.
Segundo adiantou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, a Xunta considera que preto de 870 elementos de carácter arquitectónico e industrial "serán susceptibles de sufrir un cambio de uso a futuro, compatible coa conservación dos valores que os fixeron merecedores de formar parte do catálogo". Canda a isto, anunciou que o documento "servirá de base para impulsar unha rede de construcións emblemáticas na franxa costeira que contribúa a divulgar e conservar a riqueza arquitectónica, histórica e cultural que atesoura esta parte do territorio".





