O trío Saibrán comeza o seu proxecto de triloxía con 'Atardecer harmonioso con gotas de primavera'

Este sábado presentarase en concerto no Mercado da Estrela de Santiago

Saibran, o novo proxecto musical conformado por Cibrán García (Boyanka Kostova) e por Julián Goicoa e Fiz García (integrantes de Mundo Prestigio), vén de publicar o seu LP de debut, 'Atardecer harmonioso con gotas de primavera' (Tremendo Audiovisual), que este sábado, 20 de decembro, terá a súa presentación oficial en concerto no marco do Mercado da Estrela en Santiago de Compostela. Este primeiro disco, que está chamado a ser unha referencia do rap en galego, forma parte dunha triloxía que percorre as emocións e vivencias cotiás que se poden dar desde o solpor (primeiro disco) até o amencer (o terceiro): as cavilacións desenvólvense na medida que avanza a xornada de quen sae da súa casa contra última hora da tarde, sen máis pretensión que ver ás amizades pero que, cando regresa, xa alboreceu.

Saibrán. Foto: Divina traxedia


Gravado e producido por Julián Goicoa, baixista do proxecto, e composto por Saibran e Fiz García, batería do grupo. O álbum ofrece sete temas (maís unha pista oculta que busca engarzar co seguinte álbum) en progresión que van dos 86 bpm de 'O quinto mundo' aos 130 de 'Tarde', salpicados de todo tipo de sons, desde o funk e o soul ata a psicodelia. O disco conta coas colaboracións de Mundo Prestigio en 'Poema' e de Rubén Sánchez, DJ Mil en 'Puretismo' e 'Tarde'. O álbum, deseñado por Maru Astray, xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais e o vinilo pódese adquirir a través da páxina web do selo galego Tremendo Audiovisual, na que tamén está dispoñible o merchandising oficial do grupo.