Familia Caamagno saca o seu segundo disco

O grupo acompáñase de amigos para o concerto de presentación este sábado de "O mundo está derrotado"

O grupo acompáñase de amigos para o concerto de presentación este sábado de
Familia Caamagno Foto: Aigi Boga
Familia Caamagno ven de ser recoñecido como o mellor proxecto de Rock de Galicia na edición de este ano dos Premios Martín Códax. A banda sacou esta semana á luz o que é seu segundo disco de longa duración "O mundo está derrotado". Desde febreiro co publicación do videoclip coa súa versión do tema de Juan Pardo, "Xuntos", a banda foi presentado varios dos temas que conforman este novo disco, o último xustamente o que dá título ao volume, que segue a aquel álbum de debut "Había que intentalo" (2019). A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá este sábado a presentación oficial en concerto deste traballo, unha ocasión para que a Familia reúna a moitos dos seus amigos da escena musical galega a compartir escenario, con moitas sorpresas e algúns nomes xa confirmados como Terbutalina, Martín Wu (Granpoder, The Homens), Hevi (Malandrómeda) ou Guadi Galego.



Oito cancións compoñen o novo álbum da formación, mantendo en todo momento a carga roqueira no son, desde un power pop semellante a aquel de The Homens ata un rock de garage ou post-punk máis electrizante e ruidoso. O disco comeza co tema de presentación, un "Xuntos" de Juan Pardo que adquire novas intrerpretacións pasado pola Familia e máis grazas a ese vídeo de estética soviética que contou coa colaboración do mesmo Alejandro Cao de Benós. Ao longo da lista de temas pasamos por cancións como "Romper Espagna", "Maquina virtual", "Samurai" ou "1996", traendo atmosferas e temas moi propios dos anos 80 e 90, referencia que eles mesmos recoñecen para este traballo e que é moi clara nos seus vídeos asinados polos irmáns Xaime e Antón Miranda, de Tremendo Audiovisual. O disco péchase xustamente con "O día que Fraga finou", acoutando case esa referencia temporal, unha canción, segundo a banda inspirada no "The Day that Tatcher dies" de Hefner (2000). "O mundo está derrotado" está producido e gravado por Carlos Hernández nos estudios El Castillo Alemán de Pedrezuela (Madrid). O disco xa está dispoñible en todas as plataformas e anúnciase tamén a vindeira edición nun formato físico. A imaxe de capa conta con Amador Arias, actor protagonista de "O que arde", posando na Praza de Abastos de Santiago.