Familia Caamagno Foto: © David Silva
Familia Caamagno lanza hoxe o seu terceiro LP, 'Disco Comarcal' do que xa foi avanzando tres temas. A banda, que este ano festexa 15 anos sobre os escenarios, fai con este disco, un traballo ateigado de pop, rock e outras referencias habituais, unha homenaxe ao papel social que xogaron as discotecas comarcais dos anos 80 e 90, pechadas hoxe en día. A presentación ao vivo deste 'Disco Comarcal' terá lugar o vindeiro 6 de febreiro na Sala Capitol de Santiago de Compostela e o grupo estará acompañado por A Orquestra do Quince, unha formación de instrumentistas de vento e teclados.
Con este traballo discográfico, Familia Caamagno reivindica o seu espazo como formación de referencia no panorama pop e rock do país. Ademais de contar co recoñecemento dos seus poderosos directos, o grupo é quen de percorrer nestes oito novos temas diferentes estilos musicais sen perder un ápice do seu carácter irreverente e crítico nas súas letras e composicións: desde o power pop até o R&B, Familia Caamagno move os marcos coa intención de sacralizar o baile e a diversión. Baixo a estética festiva, latexa un texto que, como é habitual no quinteto, insta á reflexión, neste caso sobre a nostalxia da ruína e a idealización dun tempo pasado. Ao durante o pasado ano e no principio deste xa presentaron os sinxelos, 'Disco comarcal', que dá nome ao disco e sitúa o contexto; 'Milagre económico', o primeiro en saír, e 'Bomba de calor', que na súa letra aborda cuestións actuais como a crise da vivenda, a ansiedade ou a procura dunha saída nun mundo asfixiante dominado polo consumo. Os temas apóianse nos seus vídeos dirixidos por David Silva.



