Novas | 601 a 610 de 4159

<< Anterior Siguiente >>

15/03/2022
Netflix engadirá a lingua galega a 70 títulos ao longo do ano

Durante os vindeiros meses a plataforma de entretemento Netflix incorporará unha selección de arredor de 70 títulos de películas e series nas tres linguas cooficiais do Estado, unha cifra que seguirá aumentando de forma constante no futuro, segundo aseguran desde a compañía. En total, esta selección representa unhas 600 horas de películas e series internacionais subtituladas e unhas 60 horas de contido para o público infantil e familiar dobradas en galego, catalán e éuscaro. Estas opción representarán a necesidade de producir un total dunhas 200 horas de subtítulos e unhas 20 horas de dobraxe en galego. . Amplía a nova>>

14/03/2022
Xornada sobre filmotecas públicas no Consello da Cultura

Directores e restauradoras das filmotecas española e catalá participan hoxe na xornada "Filmotecas e patrimonio audiovisual" que organiza a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) en Santiago e que pode seguirse xa en liña ou recuperarse posteriormente para o seu visionado. A xornada pretende reflexionar sobre algunhas das cuestións susceptibles de mellora e chaves no universo das filmotecas sobre o papel real que des3empeñan estes organismos ou a súa propia definición no presente. Josetxo Cerdán, director da Filmoteca Española, Esteve Riambau, director da Filmoteca de Catalunya, son algúns dos participantes deste encontro coordinado polo xestor Sergio Lago e o historiador do cinema José Manuel Rey Sande, no que proxectarán e comentarán filmes históricos restaurados. . Amplía a nova>>

11/03/2022
A canle de TV autonómica dispoñible non ten pretendentes

O concurso aberto pola Xunta de Galicia para outorgar unha licenza de emisión de televisión en aberto de ámbito autonómico ficou deserto. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que declara deserto o concurso público convocado en novembro do pasado ano. A licenza que estaba dispoñible era a que no seu momento tiña o Grupo Voz e á que renunciou tras o peche da súa canle V Televisión. Semella que ningunha empresa privada amosou interese por acceder a esta licenza tal e como está formulada nas bases do procedemento. . Amplía a nova>>

10/03/2022
O Consello da Xunta aproba as bases de dúas liñas de subvencións culturais

O Consello da Xunta aprobou hoxe as bases e a próxima publicación d dúas liñas diferentes de apoio á cultura galega, unha para audiovisual e outra para a realización de festivais escénicos e musicais. As dúas son liñas de axuda recorrentes que xa existían en exercicios anteriores e os orzamentos a empregar son semellantes tamén aos das convocatorias previas. As bases aprobadas están pendentes xa de publicación no Diario Oficial de Galicia para a súa entrada en vigor.. Amplía a nova>>

09/03/2022
A MICE amosa á vida nos países da antiga Unión Soviética a través de catro realizadoras

A sección Impropias da 17ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego, comisariada pola crítica e programadora búlgara, Mariana Hristova, fará un percorrido polas antigas terras soviéticas que, actualmente en contextos e fronteiras diferentes, aínda están conectadas, como vemos estes dias, por un pasado común que definiu a vida social, laboral e persoal dos seus habitantes. A través das miradas de catro cineastas, dúas delas rusas, unha ucraína e outra xeorxiana, a programación levará ao público a recantos pouco coñecidos do que no seu día foi a Unión Soviética, co foco posto na multiculturalidade do territorio, a vidá cotián despois da desintegración, así como tamén as perspectivas políticas e sociais que están agora mesmo no centro das miradas. As películas que se proxectarán dentro de IMPROPIAS son: 'Transnistra', da cineasta sueca Ana Eborn, 'Sunny/Mziuri' da directora xeorxiana Keti Machavariani, 'Vacacións', da directora rusa Maria Razbezhkina, 'The Hope Factory' , da tamén creadora rusa Natalia Meshchaninova, e 'Heat Singers', da ucraína Nadia Parfam.. Amplía a nova>>

08/03/2022
Pontevedra avanza na creación dunha Film Comission provincial

A decidida aposta pola captación de rodaxes para a provincia de Pontevedra está a impulsar a "velocidade de cruceiro" a creación do servizo Pontevedra Provincia Film Commission. As áreas de Turismo, Cultura e o SAIM (Servizo de Asistencia Intermunicipal) da Deputación Provincial de Pontevedra serán as implicadas no desenvolvemento deste servizo provincial que onte acadou novo impulso nun encontro entre a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, co presidente e a directora xeral da Spain Film Commission, Carlos Rosado e Teresa Azcona. A Film Commission da provincia será interlocutora directa da rede estatal que xestiona o Hub Audiovisual en España, unha relación da que esta reunión plantou as bases de funcionamento. Existe a previsión da creación dunha Galicia Film Comission dentro das liñas mestras do Hub Audiovisual da Industria Cultural creado pola administración autonómica, pero ese órgano aínda non se presentou como tal a pesares de existir xa liñas de apoio económico para a captación de rodaxes.. Amplía a nova>>

07/03/2022
Premios por valor engadido para as producións audiovisuais dos Mestre Mateo

O tradicional encontro de finalistas dos Premios Mestre Mateo organizado pola Academia Galega do Audiovisual tivo este ano como novidade a entrega dunha serie de premios patrocinados a algúns dos finalistas. O Nordés Club Empresarial da Coruña acolleu este encontro ao que acoden os profesionais finalistas da presente edición dos premios. Nesta ocasión, como novidade, durante o acto entregáronse tres galardóns patrocinados que recoñecen algunhas virtudes intanxibles do audiovisual que non corresponden necesariamente coas cuestións técnicas e artísticas que se premian nos Mestre Mateo. Galicia Calidade, ABANCA e Deleite, foron os patrocinadores que deron soporte e denominación a cada un destes recoñecementos que premian diferentes valores engadidos dos proxectos.. Amplía a nova>>

07/03/2022
'9 Fugas' de Fon Cortizo mellor película e mellor dirección en Caracas

O audiovisual galego feito na nosa lingua está a traer boas novas desde a outra beira do Atlántico. No Festival Internacional de Cine Iberoamericano de Caracas o filme '9 Fugas' (2020) de Fon Cortizo acada tres importantes premios e o documental 'A Virxe Roxa'(2021) de Marcos Nine tamén consegue levar o galardón do seu xénero. León de Ouro ao Mellor filme do certame, Mellor longametraxe iberoamericana e Mellor dirección son os galardóns cos que a película de Fon Cortizo sae desta cita venezolana. '9 Fugas', gravada en galego, parte da banda sonora creada por una orquestra de improvisación dirixida da que xurdiron a historia e as imaxes. O filme estrutúrase en 9 capítulos que son vasos comunicantes a través de que flúe un relato. Nestes capítulos temas como a memoria, o tempo e a opresión van entrelazándose compoñendo un relato que busca enganchar nunha tea de araña de historias. En 9 fugas Cortizo conta no reparto con Areta Bolado, Ailén Kendelman, Olga Cameselle, María Roja, Lola Quirós, Alfredo Rodríguez, Noelia Castro e Marta Pérez.. Amplía a nova>>

03/03/2022
Eloy Domínguez e Lois Patiño colocan as súas curtametraxes na sección oficial de Málaga

O director galego Eloy Domínguez Serén presentará a súa curtametraxe de ficción rodada en galego, ' Rompente,' na sección oficial da 25ª edición do Festival de Málaga que se celebrará do 18 ao 27 de marzo de 2022. 'Rompente' é unha produción de Zeitun Films que foi rodada na comarca coruñesa de Barbanza e que está protagonizada por Sergio Baleirón, Soraya Luaces e Vicente Mohedano. Segundo a sinopse da curtametraxe de Eloy Domínguez Serén, o protagonista, Santi ,é un pai adolescente que vive nunha pequena vila costeira. De día traballa nas bateas e polas noites marisquea de maneira furtiva. Mentres a súa moza Lucía asume en soidade o coidado do bebé de ambos, Santi, ausente e afogado pola responsabilidade, busca refuxio e redención no mar. . Amplía a nova>>

28/02/2022
Procuran cambiar a Colón por María Casares na Coruña

A plataforma coruñesa de traballadores do sector cultural Unímonos Ou Afundímonos está a promover un cambio de denominación dun dos recintos culturais máis importantes da cidade e de Galicia. Cambiar o nome do Teatro Colón polo de Teatro María Casares e o seu obxectivo para este espazo que leva en funcionamento con ese nome desde 1948 e que pertence á Deputación provincial da Coruña pero que xestiona de en convenio co Concello da Cidade. "Este ano conmemorase o centenario no nacemento da gran María Casares" lembran desde a plataforma, "cremos que é o momento de que o maior teatro da cidade, o actualmente chamado Teatro Colon, teña o seu nome", conclúen. Na súa argumentación sinalan a unha tradición de simpatía da cidade cara ao seu tecido artístico que debería desembocar nesta decisión. "Porque A Coruña quere aos seus e ás súas artistas, sempre as quixo. Porque é de xustiza. María Casares ten que ter un teatro, un gran teatro co seu nome na súa cidade", aseguran. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org