Novas | 591 a 600 de 4159

<< Anterior Siguiente >>

15/10/2021
O Premios Mestre Mateo miran máis alá da televisión

O disparo de saída da que será a vixésima edición do Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego ven de darse coa publicación das bases de presentación e a apertura do prazo, onte mesmo. A Academia Galega do Audiovisual fixo para a ocasión unha renovación de determinadas condicións das bases "atendendo ás demandas do sector e aos novos hábitos de consumo dos espectadores". Os cambios sinalan a unha apertura de determinados premios (Mellor Programa, Mellor Realización e Mellor Comunicador/a) máis alá dun formato puramente de emisión televisiva, incluíndo contidos xerados e difundidos por Internet nas redes sociais ou calquera outro medio ou plataforma audiovisual. . Amplía a nova>>

11/10/2021
Xacio Baño gaña o Premio Galiza do Curtocircuíto con 'Augas abisais'

O relato audiovisual de Xacio Baño na curtametraxe 'Augas abisais' acadou o Premio Galiza da rematada edición do festival Curtocircuíto, en Santiago de Compostela. 'Augas abisais' crea un paralelismo entre mergullarse no fondo do océano e na propia historia, partindo dunhas lembranzas e correspondencia de tempos moi pasados pero aínda presentes. O xurado decantouse por esta cinta valorando o seu logro a través de "técnicas cinemáticas orixinais para falar do pasado mentres se escava o presente, por atopar un camiño metafórico cara a narración que pode destapar e rexistrar a procura dese propio camiño, e por iluminar unha experiencia persoal que lanza luz sobre o colectivo". O filme acadou ademais un Premio AGAG ao mellor guión galego, concedido ex aequo coa curta 'Homeless Home', de Alberto Vázquez. Esta última tamén acadou o premio CREA á mellor dirección dunha produción galega. O xurado considerou que Alberto Vázquez "foi quen de construír un mundo dunha natureza gráfica e sonora única", e concedeulle ese galardón tamén á súa cinta "polo uso dun trasfondo social duro, porque non todos os retornos a casa son unha apoteose como na Odisea". . Amplía a nova>>

11/10/2021
'Eles transportan a morte' sae de Cinespaña con dous galardóns

O festival Cinespaña de Toulouse ven de recoñecer á longametraxe 'Eles transportan a morte' con dous dos premios no palmarés da súa 26ª edición. O tándem de dirección formado por Helena Girón e Samuel M. Delgado acadou o premio á Mellor Realización, mentres que o traballo feito no son e a música por Carlos García e Camilo Sanabria, respectivamente, foi recoñecido tamén co premio técnico desa categoría, traballo que xa foi tamén premiado previamente pola Semana da Crítica de Venecia, que recoñeceu a achega técnica do filme en canto ao traballo coas atmosferas sonoras.. Amplía a nova>>

06/10/2021
O Hub Audiovisual concede a súa primeira axuda para a rodaxe da serie 'Rapa'

O comezo da rodaxe da serie 'Rapa', producida por Movistar + xunto á empresa galega Portocabo, coincide coa resolución por parte da Xunta da concesión dunha axuda de 300.000 euros a este proxecto, que se converte así no primeiro adxudicatario da liña para a atracción de rodaxes do novo Hub Audiovisual da Industria Cultural. A presentación de inicio da rodaxe, que se levará a cabo nas zonas de Cedeira, Ferrol e a Serra da Capelada contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, así como do Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. 'Rapa' é unha trama creada por Pepe Coira e Fran Araújo e dirixida por Jorge Coira, con Alfonso Blanco na produción executiva, os actores Javier Cámara e Mónica López encabezan o reparto desta intriga de seis episodios de 50 minutos con estrea prevista en 2022.. Amplía a nova>>

04/10/2021
'Matria' pasa de curta a longa

Nos anos 2017 e 2018 Álvaro Gago sorprendía coa súa curtametraxe 'Matria', coa que gañou o premio do Xurado do Festival de Cinema de Sundance, o galardón á mellor curtametraxe española da Semana Internacional de Cine (Seminci) de Valladolid e outros sesenta galardóns por todo o mundo. Agora o realizador ven de comezar a rodaxe en diferentes localizacións da provincia de Pontevedra da que será a súa primeira longametraxe, para a que colle como base xustamente a historia de 'Matria' levando a cabo unha pouco habitual evolución de formato sobre a mesma sinopse. . Amplía a nova>>

01/10/2021
O filme belga Playground érguese como vencedor no OUFF

O Festival de Cine de Ourense, OUFF, deu coñecer este 30 de setembro o seu palmarés, que encabeza o filme belgaPlayground, dirixido por Laura Wandel. A longametraxe que aborda a problemática do acoso escolar a través de dúas crianzas alzouse coa Calpurnia á mellor película e a súa directora recibiu ademais o premio Cima da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais. O Premio Especial do Xurado levouno Cima de Pepe Valle, e o Premio Xacobeo ao mellor filme galego, dotado con 12.000 euros, repartiuse entre Malencolía de Alfonso Zarauza e Eles transportan a morte de Helena Girón e Samuel M. Delgado.. Amplía a nova>>

30/09/2021
Gonzalo Suárez cede á Fundación Blanco Amor correspondencia co escritor

A pesares de que a documentación epistolar persoal está xa en proceso de total desaparición, hai aínda anacos do pasado que poden ser recuperados grazas a eses escritos. A Fundación Eduardo Blanco Amor vén de aumentar os seus fondos documentais coa cesión das cartas que o director, guionista e escritor Gonzalo Suárez recibiu do escritor ourensán con motivo da rodaxe da película 'Parranda' (1977), baseada na novela 'A Esmorga'. As tres misivas cedidas forman parte da correspondencia persoal que mantiveron o director e o autor, "pero só estás refírense directamente á rodaxe dunha película que ten a Ourense, á Auria Blancoamoriana, como protagonista", destacou Manuel Baltar, presidente da Deputación e da fundación. O cineasta ven de ser recoñecido polo Ourense Film Festival co seu galardón honorífico Calpurnia de Honra.. Amplía a nova>>

29/09/2021
Un documental en liña recolle a historia do festival Cantos na Maré

A evolución do festival Cantos na Maré desde a súa xestación en 2003 en Pontevedra ata a súa primeira edición compostelá. Este é o contido de Cantos na maré, 2003-2020, que se presentou o pasado 22 de setembro a coincidir coa última xeira do evento e que chega agora ás redes. O web da Secretaría Xeral de Política Lingüística recolle o audiovisual íntegro, que participou do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.. Amplía a nova>>

28/09/2021
'Eles transportan a morte' acada unha mención especial en San Sebastián

O paso da longametraxe 'Eles transportan a morte' pola 69ª edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián trouxo un novo recoñecemento para o palmarés que vai acumulando esta produción. O filme de Helena Girón e Samuel Delgado acadou unha mención especial do xurado da sección oficial Zabaltegui-Tabakalera, a sección competitiva máis aberta e sen limitación de formatos do veterano festival, que dá cabida ao cine que busca novas miradas e formas. os realizaadores e outros membros do equipo participaron nun coloquio no primeiro dos pases do filme no festival, no que supuxo a súa estrea en España. A estrea da película en Galicia tivo lugar a pasada semana dentro da programación do Ourense Film Festival. Amplía a nova>>

27/09/2021
O Play-Doc premia á arxentina Natalia Garayalde e na sección Galicia a Eloy Domínguez

A 17ª edición do Festival Internacional de Cinema de Tui, Play-Doc, rematou e deixou o seu palmarés oficial. O filme Esquirlas, da directora e guionista arxentina Natalia Garayalde, proclámouse triunfador do certame logo de obter o Premio Play-Doc 2021 do concurso internacional. Esquirlas parte da destrución da industria emblema da cidade da autora, a Fábrica Militar de Río Terceiro, en Córdoba. Miles de proxectís disparáronse contra o pobo que os producía. Con 12 anos, mentres tentaba escapar das explosións, Garayalde rexistrou a destrución da súa cidade cunha cámara de vídeo. Vinte anos despois atópase novamente con eses arquivos, nun momento no que a ameaza do polo industrial e militar aínda persiste no presente.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org