O filme belga Playground érguese como vencedor no OUFF

As galegas Malencolía e Eles transportan a morte comparten o Premio Xacobeo

O Festival de Cine de Ourense, OUFF, deu coñecer este 30 de setembro o seu palmarés, que encabeza o filme belgaPlayground, dirixido por Laura Wandel. A longametraxe que aborda a problemática do acoso escolar a través de dúas crianzas alzouse coa Calpurnia á mellor película e a súa directora recibiu ademais o premio Cima da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais. O Premio Especial do Xurado levouno Cima de Pepe Valle, e o Premio Xacobeo ao mellor filme galego, dotado con 12.000 euros, repartiuse entre Malencolía de Alfonso Zarauza e Eles transportan a morte de Helena Girón e Samuel M. Delgado.

O realizador turco Ferit Karahan foi recoñecido co premio Carlos Velo à mellor dirección polo seu traballo en Mi mejor amigo, mentres o mellor guión foi o de Listen, de Ana Rocha de Sousa. No apartado de mellor interpretación, o premio recoñeceu o labor de Sofia Kappel en Pleasure, mentres Laura Wendel obtivo o Premio CIMA á mellor cineasta por Playground. O xurado do certame estivo composto por Iván Trujillo, Paula Cons, Patricia Roda, Manane Rodríguez e Carlos Amaral. No acto de entrega de galardóns deuse a coñecer tamén o recoñecemento ao produtor Enrique Cerezo, que recibiu o Premio OUFF Historia do Cine español.

No apartado OUFF en Curto Xoves de Comadres de Noemí Chantada foi seleccionada como gañadora na categoría de ficción mentres Mulher como Árvore resultou escolleita como mellor documental. Houbo ademais cadansúa mención especial nestes apartados para Canibalismo de Diego  R. Aballe e mais para The Death: El reencuentro, de Pablo Vázquez Varela. Os premios AISGE á mellor interpretación de curtametraxes foron para Aurora Maestre e Germán Prenta. Araceli Gonda, Alba Prol e Alba Gallego formaron o comité que correu coa selección.