A Xunta apoia o acondicionamento do Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol

O Goberno inviste 250.000 euros para adaptar este equipamento como futuro museo da cidade

O Goberno inviste 250.000 euros para adaptar este equipamento como futuro museo da cidade
Interior do Centro Cultural Torrente Ballester. Fonte: Xunta de Galicia
A posta en marcha do Museo da Cidade de Ferrol dá un novo paso. O Consello de Goberno da Xunta aprobaba este luns 10 de novembro un investimento de 250.000 euros de cara a adecuar o Centro Cultural Torrente Ballester para que acolla as instalacións da futura entidade. A achega fai parte dun investimento total de 512.000 euros no que participa o Concello.

Segundo adiantou o goberno autonómico, a achega "afianza a súa implicación con Ferrol promovendo a posta en marcha das súas propias instalacións museísticas co obxectivo de que se convertan nun referente na comarca". Para isto, prevense traballos de acondicionamento que permitan o novo uso do conxunto, coa intención de solucionar os problemas de humidades e filtracións. Resolver deficiencias da cuberta e dos acabados interiores e exteriores, ademais de renovar o sistema de protección contra incendios e as instalacións eléctricas e de eficiencia enerxética son outras tarefas que se desenvolverán.

Canda a isto, o proxecto quere adecuar as salas de exposicións e outros espazos interiores como aseos ou almacéns, e abordar a substitución do mobiliario por elementos máis idóneos para un centro museístico. As actuacións tamén afectarán á iluminación e ás instalacións de ventilación do edificio. No patio, unha cuberta acristalada substituirá a actual e procederase tamén ao pintado das fachadas e á urbanización do lateral noroeste do conxunto.

O edificio, antigo Hospital da Caridade, iniciuse en 1783 e finalizado en 1796. En 1998 realízase un proxecto de reforma e ampliación a cargo de Juan Pérez-López de Gamarra para transformar o hospital en Centro Cultural. A intención é que a obras se desenvolvan ao longo de seis meses durante 2026.