O Concello de Ferrol merca a futura sede do Museo do Modernismo

O investimento de 192.000 é o primeiro paso para o centro que homenaxeará o arquitecto Rodolfo Ucha

| Santiago. Redacción | Seccións: Arquitectura
Compartir:
Futura sede do Museo do Modernismo. Fonte: Concello de Ferrol

Futura sede do Museo do Modernismo. Fonte: Concello de Ferrol

Un edificio da autoría do arquitecto Rodolfo Ucha acollerá o futuro Museo do Modernismo, co que Ferrol lembrará a figura deste creador. O Concello anunciaba este 9 de decembro a adquisición do inmoble situado no número 186 da rúa Magdalena por 192.108,74 euros coa intención que o transformar na sede desta entidade.

Segundo apunta o Concello, "o deseño deste edificio é particularmente interesante, e case excepcional na produción do arquitecto na maneira de resolver a iluminación e a ventilación interior coa disposición dun patio acristalado na parte posterior", o que fai del "unha das obras máis emblemáticas do arquitecto ferrolán".

O inmoble construíuse en 1912 para ampliar a sede do xornal El Correo Gallego e conta con andares diáfanos e unha densa decoración "que non só enmascara eficazmente unha orde compositiva en realidade tradicional, senón que busca actuar como obxecto de atención visual capaz de obstaculizar a percepción do número real de plantas das que consta o edificio". En total o conxunto conta con 414,85 metros cadrados.

Segundo anunciou o alcalde José Manuel Rey Varela, o proxecto prevé instalar unha sala de exposición permanente dedicada ao legado do arquitecto na planta baixa e na entreplanta, mentres o andar principal acollerá un espazo para mostras temporais. O espazo máis elevado do predio dedicarase a almacenaxe. A compra deste inmoble foi posible mediante un convenio coa consellería de Vivenda e Planificación do Territorio para a rexeneración dos barrios da Cidade Departamental.

Que che parece esta nova?
151 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Concello de Ferrol, El Correo Gallego

Claves

Entidades
Lugares